O Celta de Benítez asina o peor arranque dos últimos 80 anos

O seu peor inicio histórico ata a data en Primeira protagonizouno no curso 1943-44

Foto EFE
G24.gal 13/11/2023 13:45 Última actualización 13/11/2023 13:50

O Celta alcanzou a parada ligueira inmerso na zona de descenso e con só sete puntos de 39 posibles, o que supón o peor arranque ligueiro dos últimos 80 anos.

O equipo dirixido por Rafa Benítez, ademais, segue sen gañar en Balaídos despois de sete partidos como local, cun balance de tres empates (Alavés, Xetafe e Sevilla) e catro derrotas (Osasuna, Real Madrid, Mallorca e Atlético de Madrid).

Despois de 13 xornadas e unha soa vitoria –no campo do pechacancelas Almería-, o Celta é antepenúltimo con 7 puntos, os mesmos que o Granada, que tamén está en descenso, e a dous do Mallorca, que marca a barreira da salvación cun partido menos.

Para atopar unha puntuación similar á actual hai que remontarse ao campionato 2019-20, cando o equipo dirixido entón por Óscar García Junyent, que acababa de substituír a Fran Escribá no banco celeste, sumaba 9 puntos na xornada trece.

Esa tempada, o Celta finalizou décimo sétimo con 37 puntos. Na tempada 1985-86, con Félix Carnero como adestrador, o Celta chegou á xornada 13 con dúas vitorias, 1 empate e 10 derrotas.

O seu peor inicio histórico ata a data en Primeira protagonizouno no curso 1943-44, cunha vitoria, tres empates e nove derrotas, un punto menos que nesta campaña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade