Illados en Outes: sen cobertura de móbil, sen Internet e con problemas no fixo

Veciños de Oroña e Cabana Moura protestan polas deficiencias no servizo de telefonía

 

G24.gal 21/11/2023 09:52

A medio quilómetro da casa ten que ir María para falar polo móbil. Coma ela, o resto dos veciños de Cabana Moura e Oroña, en Outes, están fartos de pagar por un servizo que case non reciben.

"Non hai cobertura, nin van ben os routers, non temos nada".

"Estás falando e pum, vaise. Hai que ir camiñando ao fondo da aldea, ben lonxe".

"Na casa, imposible, nin unha raia de cobertura", explican os veciños.

Tampouco teñen unha boa conexión a Internet, con todo o prexuízo que iso supón para unha zona rural cada vez máis despoboada.

"Internet vai lentísimo, imposible traballar desde a casa".

"Os meus netos de Santiago viñan verme e antes aínda lograban facer os traballos da escola, agora xa nada. Xa non poden", din as veciñas de Cabana Moura.

A peor parte lévana aqueles veciños que tampouco teñen telefonía fixa. Avariouse a liña de cobre e xa non se vai repoñer. Din que aquí hai moita xente maior vivindo soa e temen que se hai algunha emerxencia non teñen maneira de chamar.

"Como están coa fibra xa non arranxan o cobre, entón a min sáeme comunicando todo o tempo, non podo chamar nin que me chamen ao fixo".

"Calquera día caio na escaleira e non podo chamar, tería que chegar ao medio do lugar para pedir axuda".

"Que nos poñan unha antena ou algo provisional que nos dea servizo mentres non chega a fibra", comentan as afectadas.

Malia que a fibra chega a localidades próximas, aquí non teñen noticia de que llela vaian poñer a curto prazo. Unha desconexión dixital que tamén afecta outras aldeas de Carnota, Mazaricos e Boiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar