A fin de semana do San Martiño chega pasada por auga

Hai aviso laranxa no litoral dende esta tarde e aviso amarelo mañá pola tarde por choiva intensa na provincia de Pontevedra

Haberá un ascenso térmico máis notable ao norte das provincias de Lugo e A Coruña

Ata o domingo non teremos unha tregua coa auga
G24.gal 09/11/2023 15:11

"Eu son de Cáceres, entón, claro, estes días e esta choiva lévoa horrible, e ademais levo trinta e tantos vivindo en Galicia e sígome sorprendendo cando me seguen dicindo que antes chovía máis. Iso non podo crelo", comenta unha señora.

Este idilio que Galicia mantén dende hai case un mes coa choiva, xa aburre.

 "Si, a verdade que si, leva chovendo máis de tres semanas seguidas, e cansos, a verdade".

"Aburrido non, o seguinte", apuntan outros.

Pois a previsión para a fin de semana é máis do mesmo

"Choiva tamén, non?, pois é o que toca, hai que aguantar".

Haberá mar de fondo con ondas no litoral norte e moita auga a partir de mañá con aviso amarelo na provincia de Pontevedra. 

"Aí si que a probabilidade de choiva será elevada, venres e sábado tamén con persistencia", conta Alberto Romero, meteorólogo Meteogalicia.

Nada que non levemos soportado estas últimas semanas. A diferencia vén coa suba das temperaturas.

"Si, é certo que ascenden as temperaturas sobre todo no sector norte de Galicia, comarcas como A Mariña occidental, a central a oriental, mesmo comarcas como Ferrol, Ortegal e A Coruña serán as zonas onde máis temperatura poidamos rexistrar debido ao vento do suroeste", continúa.

Xa que este ano san Martiño nos vai decepcionar, igual dentro dunha semana temos máis sorte.

 "É certo que quedan moitos días aínda, pero parece que a mediados da vindeira semana, parece que poderiamos ter unha entrada de influencia anticiclónica, pero...".

O pero case que preferimos non escoitalo. Quedamos con que igual hai algo de luz ao final deste longo túnel.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos