Falece unha moza de 23 anos tras chocar un turismo contra un camión en Viveiro
Tras o choque, que tivo lugar sobre as doce da noite, foi necesaria a intervención dos bombeiros para sacar a vítima, que viaxaba de copiloto no turismo
Outras dos mozos de 29 e 21 anos, que viaxaban no mesmo coche que a falecida, están en estado grave
Unha moza de 23 anos de idade morreu este luns en Viveiro nun accidente de circulación en que tamén quedaron feridas de gravidade outras dúas persoas que viaxaban con ela no mesmo coche.
🔴 #AXEGAInforma dunha persoa falecida e outras dúas feridas tras producirse unha colisión entre un turismo e un camión na LU-539, en Viveiro. O vehículo en que viaxaban saíuse da vía e chocou contra un camión que estaba estacionado.
— 112Galicia (@112Galicia) November 6, 2023
pic.twitter.com/Y12gOKNiv5
O sinistro ocorreu sobre as doce e dez minutos da noite na variante de Viveiro, que coincide coa avenida de Ferrol da localidade.
Por causas que aínda se descoñecen, o coche no que viaxaban as tres vítimas saíuse da calzada e acabou impactando contra un camión que estaba estacionado.
O responsable de Protección Civil de Viveiro, Manuel Expósito, informa de que "cando chegaron os bombeiros xa procedimos á excarceración do condutor e xa nos percatamos de que a acompañante non tiña pulso. Debido o estado no que se atopaba o vehículo a consecuencia do golpe era imposible sacala de forma rápida co cal cando chegou a ambulancia o médico certificou o falecemento"
A falecida, que era veciña de Viveiro, viaxaba no asento do copiloto. Foi necesaria a intervención dos bombeiros para sacar a vítima. Os dous feridos son o condutor e unha persoa que ocupaba o asento traseiro.
Ambos os feridos foron evacuados nun primeiro momento en senllas ambulancias ao Hospital Público da Mariña, en Burela.
Con todo, o condutor do vehículo, que estaba moi grave, foi trasladado posteriormente nunha UVI móbil ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo. O condutor continúa ingresado na UVI do Hospital Universitario de Lugo.