Ducias de mortos nun ataque a unha escola en Gaza
Ducias de mortos nun ataque a unha escola en Gaza
Civís palestinos morreron por ataques israelís cando tentaban fuxir
Israel realizou bombardeos contra outros hospitais da Franxa de Gaza

Entre 25 e 50 persoas morreron este venres nun bombardeo israelí contra unha escola pública da cidade de Gaza, nun incidente do que non se clarificaron aínda todas as circunstancias. Neste ataque tamén faleceu a neta do xefe político de Hamas, Ismael Haniyeh.
O número de falecidos no ataque ao centro escolar onde se refuxiaban desprazados internos podería alcanzar os 50, mentres que o director do Hospital de Al-Shifa dixo que polo menos 25 falecidos chegaron a ese centro médico.
O grupo islamista Hamas, que controla o enclave, condenou "o atroz masacre" na escola, que considerou "unha vergoña para a comunidade internacional e a humanidade".
A organización asegurou que civís palestinos morreron por ataques israelís cando tentaban fuxir cara ao sur por unha das principais arterias da Franxa e onde Israel mantén aberto, de maneira intermitente, un corredor dende o domingo pasado.
Ataques contra hospitais
Mentres, as tropas israelís continúan o seu avance terrestre pola Franxa, onde rodearon e atacaron varios hospitais que se atopan ao bordo do colapso. Entre eles, o propio Hospital Al-Shifa, onde os bombardeos deste venres no complexo acabaron coas vidas de 20 persoas.
Á súa vez, outros ataques contra o centro médico Al Quds e as súas contornas causaron, cando menos, un morto e 28 feridos entre os desprazados que se refuxiaban na instalación, "a maioría dos cales eran nenos", segundo informa o servizo médico de Media Lúa Vermella palestina.
"Dous deles resultaron feridos críticos polos francotiradores da ocupación (Israel) que apuntaron ao hospital e dispararon directamente aos presentes no edificio", onde tamén lanzaron "proxectís de artillería á parte oeste do centro médico", engadiu a Media Lúa Vermella. O organismo sanitario denunciou tamén que as forzas israelís dispararon contra a Unidade de Coidados Intensivos do mesmo hospital.
Por outra banda, o director do Hospital AL-Shifa asegurou que hoxe Israel librou "unha guerra contra os hospitais" de Gaza. Tamén remarcou que no seu centro sanitario "os enfermos e feridos ocupan todos os corredores", dificultando a realización de operacións. A falta de comida e auga para atender aos pacientes e desprazados que se refuxian no centro é outro dos principais problemas.
Balance de vítimas polos ataques
Os mortos en Gaza polos bombardeos israelís tras 35 días de guerra con Hamas eleváronse a máis de 11.000. A cifra de feridos sitúase arredor dos 27.500, segundo informaron fontes do Ministerio de Sanidade do enclave.
"O número de mortos pola agresión israelí ascendeu a 11.078, entre eles 4.506 nenos, 3.027 mulleres e 678 anciáns". "27.490 cidadáns resultaron feridos" con lesións de distinta gravidade, detallou o portavoz de Sanidade, Ashraf al Qudra.
Mortes de traballadores da UNRWA
A Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA) denunciou a morte de máis de 100 dos seus traballadores en Gaza no último mes debido polos bombardeos de Israel contra a Franxa de Gaza dende 7 de outubro.