Detido o presunto autor dos roubos ás igrexas en Ferrol

Foi localizado polos axentes en plena noite e pouco despois de que se rexistrara un novo roubo, desta volta na igrexa de Santa Cecilia

G24.gal 23/11/2023 10:04

A Policía Nacional xa detivo o presunto autor da vaga de roubos que estaban sufrindo as igrexas da zona.

Foi localizado polos axentes en plena noite e pouco despois de que se rexistrara un novo roubo, desta volta na igrexa de Santa Cecilia, onde, a pesar da alarma instalada, o asaltante conseguiu acceder ao interior, aínda que polo momento non transcenderon os danos que puido ocasionar nin se conseguiu coller algún botín.

Un asalto máis que vén engadirse aos que xa levan contabilizados na zona nas últimas semanas e que deixou como principal obxectivo a concatedral de San Xiao, con catro asaltos en apenas un mes. O último foi case de película, xa que o autor do roubo accedeu ao templo despois de gabear polo andamio da reforma que se está a levar a cabo, e descolgouse desde o órgano empregando a corda dunha das campás. E todo isto para acadar un botín duns poucos euros. Moito maior o dano que causou, pois desfixo a porta da sancristía. Pero agora todos os indicios apuntan a que o detido puidera ser o autor de todos estes asaltos e nas próximas horas será posto a disposición xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade