Ánxeles Vázquez: "Temos 17.000 persoas en Galicia en demanda dun alugueiro"

A conselleira de Vivenda avanza que a Xunta quere abordar co novo ministerio distintos aspectos da lei estatal, que crea "inseguridade xurídica"

Pídelle ao Concello da Coruña un estudo xustificativo para que sexa declarado zona tensionada

G24.gal 27/11/2023 10:25

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, repasou esta mañá no Galicia por diante da Radio Galega distintos aspectos do recente paquete de medidas aprobado polo Consello da Xunta para tratar de fomentar o mercado inmobiliario. Ánxeles Vázquez di que "estamos preocupados e sabemos que á cidadanía lle custa acceder á vivenda por distintas causas e decidimos ser ambiciosos e chegamos aos 56 millóns de euros tanto na política destinada ao alugueiro como nas destinadas á construción".

No que atinxe á construción de vivenda nova, son axudas de promoción á vivenda en tres liñas. A conselleira de Vivenda explica que "os promotores poden recibir ata 36.000 euros por vivendas que constrúan e que as destinen polo menos quince anos ao alugueiro. Pero se poñen no mercado vivendas para alugar cunha opción a compra, podemos chegar ata 42.000 euros. Tamén hai outra liña que son vivendas que se destinan vinte anos ao alugueiro e reciben ata 50.000 euros".

Polo que atinxe aos alugueiros, "estarán taxados". "Como máximo, a persoa que alugue pagaría ou podería recibir por parte da Xunta de Galicia ata 390 euros en función dos seus ingresos", segundo indica a vicepresidenta segunda e conselleira de Vivenda. Asegura que "reforzamos o alugueiro para cubrir ata un 60 por cento da renda mensual, sen esquecernos doutra liña que serve para cubrir aos que son totalmente vulnerables e teñen dereito a este Bono Alugueiro Social, ao que imos destinar dez millóns de euros".

Ánxeles Vázquez afirma que "estamos falando dunhas 300 e 400 vivendas que queremos poñer en marcha no ano 2024 e continuaremos con este programa ata o ano 2026 con ese compromiso de axudar aos colectivos que consideramos que son máis vulnerables (mozos menores de 36 anos, as familias monoparentais, numerosas e tamén a aquelas persoas que leven inscritas un ano ou máis no rexistro de demandantes do Instituto Galego da Vivenda e o Solo).

En demanda de alugueiro "temos unhas 17.000 persoas" nestes momentos. A conselleira de Vivenda, Ánxeles Vázquez, precisa que "non todas cubrirían os requisitos nestes momentos porque non deben superar en ningún caso en tres veces o IPREM. Temos que facer un esforzo e tamén puxemos en marcha o Plan de vivenda pública co obxectivo de construír 1.600 vivendas ata o ano 2027. Pero dámoslles tamén aos concellos de menos de 20.000 habitantes, que reciben axudas de ata 50.000 euros para rehabilitar ou construír vivenda nova".

Ánxeles Vázquez tamén avanza que solicitaron un encontro cos responsables do novo Ministerio de Vivenda para abordar distintos aspectos da lei estatal, que -na súa opinión- crea "inseguridade xurídica". Sinala que "un deles é que un ocupa teña xa o título habilitante para facerse cunha vivenda. Isto non é ser alarmante. Isto estámolo comprobando no día a día. Unha persoa que cumpre os requisitos e que se inscribe no rexistro de demandante de vivenda pública, calquera ocupa pasa a ocupar o número un fronte a calquera familia que leve tres, catro ou cinco anos agardando por unha vivenda".

Tamén resalta que a Xunta está en desacordo na "obrigatoriedade de que todo sexa en alugueiro sen ningún tipo de incentivo, xa que fai que o promotor non faga ningunha vivenda pública. Debemos ser competitivos e para ser competitivos debemos facer que baixen os prezos e para iso precísase vivenda pública".

Así mesmo, a Xunta pretende abordar co Ministerio as tensións que varios concellos din ter como consecuencia do alugueiro vacacional. A conselleira Ánxeles Vázquez afirma que "é unha petición que fixo Galicia desde o minuto cero e hai que estudar o que está pasando no mercado e definir vivenda turística, vivenda vacacional e non deixalo ao albor das ordenanzas que poida facer cada concello porque, ao final, ímonos atopar en Galicia con 313 ordenanzas e non ten razón de ser".

Explica que "agora os parámetros tan lasos por non dicir incribles que puxo o Ministerio poden dar lugar que, sen os estudos pertinentes de xustificación de zona tensionada, pode ser declarado un concello como tensionado fronte á Coruña que poder ser que sexa só unha cuarta parte a tensionada".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar