Ainhoa Marín e ADT lideran a remonta do Deportivo ABANCA (4-2)

As de Irene Ferreras caían 2 a 0 antes do primeiro cuarto de hora

G24.gal 09/12/2023 12:37

O Deportivo ABANCA venceu por 4-2 ao Athletic Club B, nun partido en que tivo que remontar para acadar os tres puntos.

Na primeira metade, dous goles visitantes antes do primeiro cuarto de hora marcaron o comezo do partido. O filial bilbaíno entregou entón a posesión do esférico o equipo local e dedicouse a defender o resultado. O Deportivo ABANCA tardou só cinco minutos en recortar diferenzas tras unha gran xogada de Ainhoa Marín no minuto 17. A xogadora deportivista, liderou o asedio local en busca do empate. Unha igualada que chegou no minuto 40, cando de novo Ainhoa adentrouse na área e enviou o balón cara ao fondo da rede.

Tras o paso por vestiarios, foi o conxunto visitante o que comezou levando a iniciativa, tendo varios achegamentos á porta de Lucía, aínda que sen excesivo perigo. No minuto 53, ADT puxo por primeira vez no partido por diante ás coruñesas, logo dun grave erro da defensa visitante. Once minutos despois, a propia ADT sentenciou o encontro cunha gran cabezada dentro da área. Tras o cuarto ambos equipos tiveron oportunidades, pero o marcador non se moveu e os tres puntos quedaron en Abegondo.

Con este resultado o Deportivo ABANCA sitúase polo momento na primeira posición, á espera de que se xogue o resto da xornada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar