Adif pecha o paso a nivel en Lugo onde morreron dous mozos atropelados por un tren

Tres veciños cederon terreo gratuitamente para habilitar unha vía alternativa

G24.gal 10/11/2023 13:08

O paso a nivel en que morreron este verán dous mozos leoneses, de 19 e 21 anos de idade, que foron atropelados por un tren, na zona de Recimil -no municipio de Lugo-, quedou clausurado por Adif despois de que nas últimas horas quedara habilitada unha calzada alternativa que permite o paso dun lado a outro da vía por un paso inferior.

Os veciños desta zona do municipio de Lugo non ocultan a satisfacción pola noticia, dado que era algo que viñan reclamando desde había “moitísimos anos”. “Despois de que os veciños de Coeo e Recimil fixeramos moitísima presión tanto no lugar do accidente como ante a Subdelegación do Goberno, ao final, Adif accedeu a ter unha reunión connosco”, lembrou Roberto López, un gandeiro que vive preto do lugar onde se produciu o accidente.

“Buscouse unha alternativa, que nós viñamos promovendo desde había moitísimos anos, que era habilitar unha vía alternativa, pois había un paso inferior a 300 metros”, aclarou. Para iso, “tres veciños cederon o terreo gratuitamente”. “Despois de case dous meses de obras, esta semana quedou aberta a vía alternativa e clausurado o paso a nivel”, confirmou, o que supón un motivo de alegría para os veciños de Coeo e Recimil. “Deixamos de xogar a vida nun paso a nivel que xa levou dúas vidas por diante”, concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade