Publicador de contidos

Publicador de contidos

Poda polémica das árbores do antigo hospital de Santa María de Lugo

Poda polémica das árbores do antigo hospital de Santa María de Lugo

Axentes de medio ambiente tiveron que intervir porque durante os traballos caeu un niño ao chan con varias crías, que xa foron trasladadas a un centro de recuperación de fauna salvaxe 

Os traballos realizáronse sen respectar o proceso de nidificación, o que leva aparellado unha sanción
 

G24.gal 08/05/2025 14:30

Polémica por unha nova poda e corta de árbores nos xardíns do antigo hospital de Santa María de Lugo. Hai dous anos desaparecían deste espazo varios tileiros centenarios, un caso que acabou no xulgado. Agora a historia repítese.

 "Tiñan cen anos pero os expertos dicían que podían durar outros cen. Contribuían a mellorar a vida dos lucenses, cuns beneficios ecosistémicos impresionantes, dando cabida a paxaros, purificando o aire", explica Neri Díaz da asociación ecoloxista Galiza Atlántica Verde

O conflito coa nova poda xorde porque durante os traballos de corta se derrubou un niño con crías de corvos. Tiveron que intervir os axentes de medio ambiente. Houbo que rescatar os paxaros e levalos a un centro de recuperación de fauna salvaxe. 

  "Podían realizar a corta ou poda das árbores sempre e cando non existiran niños con ovos ou polos. Nese caso tiñan que proceder a paralizar a corta e poñerse en contacto co servizo de medio ambiente para estudar o caso", asegura a xefa do Servizo de Patrimonio Natural en Lugo, Laura García Rozas.

A autorización era de xaneiro e estaba condicionada a que non afectase o proceso de nidificación. 

"Isto remove moito, porque o que pasou hai dous anos non debería volver pasar, e ver que pasa o mesmo, cos mesmos actores e no mesmo lugar, o mellor agora non ten tanta dimensión, pero segue sendo grave", engade Neri Díaz.

O incumprimento da autorización pode supoñer unha sanción.

"Sería un incumprimento dos condicionantes da autorización que leva aparellada unha sanción administrativa grave", explican desde o Servizo de Patrimonio Natural en Lugo.

A Deputación, que é quen fai os traballos, di que nunha inspección previa non se detectou o niño, e que a corta se fixo por motivos de seguridade. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade