A Xunta urxe o Goberno a dar prazos fiables para a chegada dos trens Avril
O último prazo fixado polo Ministerio de Transportes sitúa a entrega das novas unidades no primeiro trimestre de 2024
As infraestruturas da nova mobilidade avanzan en Galicia. A estación intermodal da Coruña súmase ás que xa están en servizo en Santiago, Ourense e Vigo. Pero a alta velocidade aínda non é real á espera dos trens Avril que permitirán reducir os tempos de viaxe.
A Xunta de Galicia urxe do Goberno prazos fiables para a chegada das novas unidades despois dos sucesivos atrasos.
"Todas as datas oficiais ata agora incumpríronse. Preocúpanos cando e tamén cantos trens Avril veñen a Galicia. Nós fixemos un estudo que detalla que precisamos sete unidades", di Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.
A Xunta tamén reclama avances na modernización da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol e no plan director do Corredor de Mercadorías para dar resposta ás necesidades das empresas.
"É fundamental para a competitividade de Galicia. Pero tamén para que os galegos poidamos utilizar medios como os doutros territorios e que os trens Avril nos permitan estar en Madrid nun tempo razoable", asegura Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra.
O último prazo fixado polo Goberno para a chegada dos Avril apunta ao primeiro trimestre de 2024, dous anos despois do inicialmente previsto.
 
         
                
                
				   
             
    
         
                 
    
         
    
         
    
         
            
         
            
                 
            
                