A morte masiva de ameixa e berberecho mantén paradas as mariscadoras de Boiro e Rianxo

A baixa salinidade da auga segue acabando co berberecho e a ameixa en Boiro e Rianxo

As mariscadoras están pensando en pedir o cesamento da actividade para poder acceder ás prestacións económicas e poder compensar as perdas

Parte do sector dá por perdida a campaña de Nadal, a máis importante para os traballadores do mar

G24.gal 28/11/2023 13:55

Na praia de Mañóns, en Boiro, coa marea baixa, en circunstancias normais, hoxe pola mañá tería que haber máis dun cento de mariscadoras a pé recollendo ameixa e berberecho. Pero nesta campaña, de momento, as circunstancias non son normais.

O exceso de chuvia, de auga doce, baixou en exceso a salinidade da auga e, en consecuencia, o marisco está morto por toda a praia e a actividade extractiva leva días paralizada. Non saben cando se poderá retomar. É a segunda vez nos últimos 23 anos que pasa algo así en Boiro.

Ante unha situación que, din, é insostible, as mariscadoras de Boiro e Rianxo decidirán estes días se lle piden á Administración o cesamento de actividade. Só se llelo concede, poderán acceder ás prestacións económicas que compensen a perda deste momento. A campaña de Nadal, a máis importante do ano para o sector, xa a dan practicamente por perdida. 

Camiñar polas praias de maior importancia marisqueira de Rianxo e Boiro nas últimas semanas é facelo entre cunchas de berberecho e ameixa mortos. A auga doce da intensa chuvia baixou tanto a salinidade da auga que os bivalvos morren. Ademais, as mariscadoras denuncian un problema engadido. 

As mariscadoras piden máis vixilancia, controis e sancións para os que, en lancha, marisquean na beira das praias, na zona exclusiva das que traballan a pé e que, pola elevada mortaldade dos berberechos e ameixas, están paradas e non saben ben cando poderán retomar a actividade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade