A lei para protexer a saúde da poboación menor tenta previr hábitos adictivos

A norma, prevista para 2024, endurece as sancións pola práctica de botellóns

Equipara as bebidas enerxéticas co alcohol e os vapeadores co tabaco 

 

G24.gal 11/11/2023 14:51 Última actualización 11/11/2023 16:32

O 32 % dos mozos de entre 15 e 18 anos confesan que fixeron botellón no último ano, segundo un estudo do Ministerio de Sanidade. A lei galega de prevención de condutas adictivas nos menores endurece a vixilancia sobre esta práctica, prohibida dende hai máis dunha década. A administración galega asumirá as competencias sancionadoras. 

"Unha novidade importante é co botellón. Imos axudar dende a Administración autonómica aos concellos a vixiar o cumprimento de prohibición de beber na rúa nos menores de idade". "Outra cousa importante é que deixamos reflectido nunha lei que debe facerse prevención e promoción da saúde do menor", conta Silvia Suárez, Subdirectora xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudable.

Deste xeito, amais de prohibir a venda e consumo de bebidas enerxéticas e de cigarros electrónicos a menores de 18 anos, a norma aborda tamén outros hábitos como o uso das novas tecnoloxías.

En canto aos videoxogos, os establecementos deberán separar de xeito claro os produtos á venda en función da idade recomendada. Non se descarta tamén afondar na regulación do uso do teléfono móbil, na fase de exposición pública e tramitación parlamentaria da lei.

"O uso de dispositivos electrónicos é moi elevado entón iso fai que sexan persoas máis sedentarias o que non é bo para un estilo de vida saudable por iso temos que avanzar na lexislación para poder protexelos", di Silvia Suárez. 

A norma que equipara as bebidas enerxéticas co alcohol e os vapeadores co tabaco prevese que entre en vigor en 2024. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade