A fundación Andrea proporcionoulle axuda a unha parella con dous xemelgos neonatos

A fundación Andrea proporciona axuda económica ás familias con fillos doentes

G24.gal 18/11/2023 22:05

A fundación Andrea apoia familias con poucos recursos que teñen que coidar os seus fillos doentes. É o caso dunha familia do Barco de Valdeorras. Foi a fundación a que lles proporcionou unha vivenda en Santiago mentres os seus fillos prematuros estiveron ingresados. Os xemelgos de Leticia e Luís naceron en marzo, antes do previsto, con tan só 27 semanas.

"A nena era a palma da miña man. 700 gramos pesaban, uns ratiños eran", conta Luís.

Ao pequeno tiveron que trasladalo a Santiago para operalo e se a cousa xa non era sinxela en Ourense, onde contan que mesmo chegaron a durmir nun garaxe por non poderen asumir un alugueiro, co traslado a Santiago empezou todo un periplo emocional, loxístico e económico para a parella. E foi aí cando apareceu nas súas vidas a fundación Andrea. 

"Dixéronme que non me preocupase, que os trouxese a Santiago e que cando chegase que chamase e dábanme as chaves dun piso. Eu xa estaba pensando canto me ía custar. Dixéronme 'ti preocúpate da túa muller e dos teus fillos. De que durmas xa nos encargamos nós. Se tes que estar unha semana ou se tes que estar medio ano'", explica o pai dos xemelgos.

Finalmente foron tres meses e vinte días, os mesmos que os cativos estiveron ingresados no hospital despois de que trasladaran tamén a pequena. Cando deixaron o piso en Santiago a fundación proporcionoulles ademais unha axuda económica. 

"A tranquilidade que che dá chegar a un sitio e a ti, que só tes cabeza para os teus fillos, quítaseche a preocupación de onde vas durmir", asegura Luís.

Agora fan a súa vida entre o Barco de Valdeorras, Ourense e Ponferrada, pendentes das terapias e as revisións médicas dos pequenos. Aínda así, din que sempre estarán agradecidos a quen de xeito altruísta quixo axudalos nos momentos máis difíciles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade