O temporal provoca o desvío e cancelación de ducias de voos e a suspensión de varias liñas ferroviarias

Un avión de Ryanair procedente de Lanzarote con destino Compostela acabou por aterrar en Sevilla

Renfe mantén suspendida a liña Ourense-Vigo e Ferrol-Oviedo e durante horas tamén estivo sen circulación a liña A Coruña-Ferrol e A Coruña-Monforte 

Imaxe dunha das aterraxes complicadas onte no aeroporto de Santiago
G24.gal 02/11/2023 13:47 Última actualización 02/11/2023 17:18

Aterrar este mércores en calquera dos aeroportos galegos era unha manobra complicada, como recollen gravacións de onte á noitiña no Rosalía de Castro en Santiago.

Pero a situación máis rocambolesca vivírona os pasaxeiros que viñan nun avión de Ryanair procedente de Lanzarote con destino Compostela. Tras varios intentos de aterrar, desviáronos a Sevilla, e unha vez alí as alternativas para volver que lles ofreceu a compañía supoñían afrontar gran parte do custo.

Carlos optou por regresar a Lanzarote, onde vive e traballa, e prescindir da viaxe a Galicia para resolver asuntos persoais.

As cancelacións e desvíos de onte pasan factura hoxe. Esta mañá canceláronse oito voos entre saídas e chegadas, e desviáronse dous.

A circulación de trens tamén se viu alterada polo temporal. Renfe suspendeu a liña entre Ourense e Vigo e habilitou un servizo alternativo de transporte por estrada. Os servizos A Coruña-Ferrol e A Coruña-Monforte tamén se estiveron a facer en autobús e interrompeuse a circulación de proximidade e media distancia entre Ferrol e Oviedo. Outra das conecións afectadas é a liña convencional Santiago-Ourense, que afectou ao tránsito de dous trens.

O transporte marítimo entre Vigo e O Morrazo suspendeuse ás 9 e media da mañá e restableceuse ao mediodía. Pero a navieira non desbota volver cancelar a ruta se o estado do mar empeora nas próximas horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar