Investígase como violencia machista a morte da muller que apareceu no Porriño

A autopsia confirma que é unha muller de 37 anos veciña de Vigo

Tiña introducido un pano na boca

Axentes da Criminalística da Comandancia de Pontevedra inspeccionan o lugar
G24.gal 24/11/2023 10:30 Última actualización 24/11/2023 14:34

A Garda Civil investiga a morte da muller atopada onte no Porriño como posible caso de violencia de xénero. Grazas á autopsia e ás súas tatuaxes, confírmase que se trata dunha veciña de Vigo de 37 anos, Judith M. G. Non constan denuncias pola súa desaparición. 

Segundo informaron fontes da investigación, a muller vivía na cidade olívica nunha vivenda ocupada, padecía adicción ás drogas e estaba vinculada co exercicio da prostitución. Aínda non transcendeu canto tempo levaba morta.

O corpo non presentaba signos de morte violenta a simple visa, pero as mesmas fontes coñecedoras das pescudas sinalan que tiña introducido un obxecto estraño na boca, que posiblemente sexa un pano. As fontes matizaron que "todas as hipóteses están abertas". Foi atopado por un transportista detrás dun colector, nunha zona de moito tránsito próxima a unha estación de ITV. Sospéitase que a muller morreu noutra parte e que foi trasladada ata alí.

Ata o lugar trasladáronse un equipo de Criminalística da Comandancia de Pontevedra. Hoxe, os axentes volveron ao lugar para continuar coa inspección en busca de indicios para coñecer as causas da morte. O Xulgado de Instrución número 3 do Porriño está a cargo do caso.

Por outra banda, o Concello do Porriño convoca un minuto de silencio pola vítima ás 18:00 horas da tarde, na praza Arquitecto Antonio Palacios. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, recordou a vítima na súa intervención dun acto co motivo do 25N.

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, referíase esta mañá ao caso confirmando a presenza de "indicios que apuntan a que é unha morte violenta". Tamén recalca que non se descarta ningunha hipótese e que a Garda Civil está pendente do resultado da autopsia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade