Desaloxan un edificio de catro andares na Estrada por un incendio

O lume propagouse axiña polo material illante da fachada

Os estoupidos que partían do cadro eléctrico alertaron os veciños arredor da unha da mañá

G24.gal 10/11/2023 14:44

Arredor da unha da mañá uns fortes estouridos alertaron os veciños do número 6 da rúa Rosalía de Castro da Estrada. O material illante da nova fachada do edificio transformouse nunha candea que fixo que o lume prendese axiña no lateral de todos os pisos desa ala e sorprendera os residentes do inmoble. 

Parece claro que o lume partiu do cadro eléctrico da fachada, e que foi posiblemente un curtocircuíto o que fixo de detonante para que se incendiase o material que reviste o edificio. A combustión provocou un intenso fume que afectou a zona de acceso ás vivendas, por iso algúns dos residentes preferiron esperar a que chegasen os bombeiros para saír da casa. 

O Grupo de Emerxencias local e os bombeiros do Deza estiveron unhas tres horas atallando o lume, asegurándose de que non quedasen puntos nos que puidese reavivarse e verificando o estado das vivendas para realoxar os veciños. A maioría puido volver porque vivían no costado que non resultou afectado polo incendio.

Na vertente queimada, o andar máis danado foi o terceiro, no que o lume chegou a entrar nunha das estancias do piso. Segundo a información difundida polo 112, a situación complicouse cando prendeu nun colchón que estaba preto da fachada. Todo o edificio quedou sen subministración eléctrica ata que se reparen as conducións queimadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade