Publicador de contidos

Publicador de contidos

Zelenski considera "posible o éxito" nas negociacións de paz impulsadas polos EUA

Zelenski considera "posible o éxito" nas negociacións de paz impulsadas polos EUA

Asegura que Kíiv e Washington traballan "con gran detalle e esmero" nun acordo especial que fortalecerá ambos os dous países 

O presidente ucraíno pide crear un exército europeo para que os Estados Unidos tomen en serio o continente

Zelenski na Conferencia de Seguridade de Múnic. REUTERS/Wolfgang Rattay Zelenski na Conferencia de Seguridade de Múnic. REUTERS/Wolfgang Rattay
G24.gal 16/02/2025 10:03 Última actualización 16/02/2025 10:48

O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, cre que "o éxito é posible" nas negociacións de paz que promoven os Estados Unidos tras as reunións que mantivo nas marxes da Conferencia de Seguridade de Múnic co equipo do presidente estadounidense, Donald Trump.

"Empezamos a traballar co equipo do presidente Trump e xa sentimos que o éxito é posible", escribiu nas súas redes sociais desde Múnic.

Foi tras o peche de dúas xornadas maratonianas de intervencións, ante líderes europeos e estadounidenses. Cunha intensa axenda de xuntanzas con políticos dos EUA, como o vicepresidente, JD Vance, o secretario de Estado, Marco Rubio, e o enviado para a guerra ucraína, Keith Kellogg.

Zelenski asegurou que agora no mundo percíbense os Estados Unidos como unha forza que non só pode deter a guerra, senón axudar a garantir a fiabilidade da paz despois dun cesamento do fogo.

Unha paz duradeira

Na cidade alemá, Zelenski e JD Vance acordaron traballar por unha paz duradeira. Mentres, os líderes europeos observaban, desde as marxes e con certa inquietude, como o vello continente quedaba excluído dos plans estadounidenses, tanto na mesa de negociacións coma nas consultas previas.

Keith Kellogg dixo a véspera, nun acto paralelo á Conferencia de Seguridade, que Europa non poderá participar directamente nas negociacións de paz, aínda que pode propoñer ideas e suxestións.

Pola súa banda, Zelenski recalcou que a UE debe ter claramente unha voz, ao escribir que "a paz real é posible" aínda que vaia haber intentos diferentes de Putin de "enganar a todo o mundo e prolongar a guerra".

"Debemos alcanzala (a paz): Ucraína, os Estados Unidos e Europa. Esta é a nosa seguridade común", salientou.

Segundo manifestou, agarda unha pronta visita de Kellogg a Ucraína para seguir estudando a situación e atopar vías para que o presidente Trump adopte "decisións firmes e verdadeiramente pacificadoras".

O xefe de Estado de Ucraína explicou que os dous equipos traballan "con gran detalle e esmero nun acordo especial" entre Kíiv e Washington "que fortalecerá definitivamente os Estados Unidos e Ucraína", aínda que non revelou de que acordo se trata.

Acceso a minerais críticos

O secretario do Tesouro dos EUA, Scott Bessent, entregou a Zelenski o día 12 en Kíiv un borrador dun acordo para garantir a continuidade da axuda estadounidense a cambio de acceso a minerais críticos das terras raras que posúe Ucraína por un monto de 500.000 millóns de euros.

Zelenski, que tamén se reuniu en Múnic con senadores estadounidenses e membros da cámara de representantes do país norteamericano, explicou onte á noite que Kíiv aínda non está preparada para asinar este acordo.

"Non lles permitín aos ministros asinar o acordo porque, na miña opinión, non está preparado para protexernos a nós, aos nosos intereses", declarou aos medios en Múnic, segundo o xornal Kyiv Independent.

O mandatario engadiu que poderán considerar como distribuír os beneficios "se están vinculados a un acordo de seguridade", porén, salientou que o borrador non inclúe garantías neste sentido e, ademais, as reservas non son súas, senón do pobo ucraíno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade