Zelenski anuncia en Berlín que este pode ser o ano da "derrota irreversible" de Rusia
O chanceler alemán, Olaf Scholz, sinalou que a paz de Ucraína non pode facerse ao ditado de Putin
O presidente ucraíno recibiu o premio Carlomagno e esta noite reúnese con Macron en París
O presidente de Ucraína obtivo hoxe de Alemaña un apoio incondicional na primeira visita a este país desde que comezou a invasión de Rusia. Zelenski entrevistouse en primeiro lugar co presidente xermano, Frank-Walter Steinmeier. Despois era a quenda do chanceler Olaf Scholz, que confirmaba un novo paquete de axuda militar, anunciado previamente, de 2.700 millóns de euros. O apoio de Berlín a Kíiv ascende xa a un total de 17.000 millóns desde o comezo da guerra.
Zelenski dixo en rolda de prensa que Ucraína está en disposición de lograr a "derrota irreversible" de Rusia este mesmo ano coa axuda dos aliados occidentais.
Scholz non só lle confirmaba un apoio sen fisuras, senón que engadiu que a paz en Ucraína non pode estar ditada por Rusia e non debe implicar unha simple conxelación do conflito sen máis.
Despois, os dous líderes partían en helicóptero cara a Aquisgrán, onde esta tarde se entregaba o premio Carlomagno. Os galardoados este ano foron o propio Zelenski e o conxunto da poboación ucraína por representaren non só a defensa da soberanía deste país, senón a do conxunto de Europa.