Polo menos 15 mortos e máis de 174 feridos nun ataque ruso na cidade ucraína de Dnipró
Ademais dos danos persoais rexistráronse danos en edificios civís, nun hospital, en escolas e nun tren de pasaxeiros
Serguí Lisak, gobernador da rexión, advertiu de que o balance de feridos podería aumentar

Un ataque lanzado a plena luz do día polo Exército ruso contra a cidade ucraína de Dnipró causou a morte de 15 persoas, segundo informou o gobernador da rexión de Dnipropetrovsk, Serguí Lisak, que cifrou o número de feridos en máis de 174 e advertiu de que o balance de falecidos podería aumentar.
Lisak explicou que había moita xente no lugar do impacto cando Rusia lanzou o ataque. Varios feridos están en estado grave.
O gobernador informara previamente de danos en varios edificios civís e nun tren de pasaxeiros no que resultaron feridos civís.
Na súa conta de X, o ministro de Exteriores de Ucraína, Andrí Sibiga, denunciou que o ataque causou danos en escolas, garderías e un hospital.
Medios ucraínos informaron de que Rusia perpetrou este ataque cun mísil balístico.