Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel ataca instalacións nucleares iranís nunha nova noite de ataques cruzados

Israel ataca instalacións nucleares iranís nunha nova noite de ataques cruzados

As tropas hebreas bombardean Isfahan e Qom e provocan polo menos dúas vítimas mortais

O Exército iraniano lanza cinco mísiles no centro de Israel sen causar danos persoais

Funeral en Qom polas vítimas do ataque israelí. Ahmad Zohrabi/ISNA vía REUTERS Funeral en Qom polas vítimas do ataque israelí. Ahmad Zohrabi/ISNA vía REUTERS
G24.gal 21/06/2025 08:43 Última actualización 21/06/2025 11:58

Irán e Israel viven unha nova noite de ataques cruzados. As tropas hebreas atacaron a cidade de Qom e instalacións nucleares en Isfaham, mentres o exército de Teherán lanzaba cinco mísiles no centro do territorio xudeu.

En Qom morreron polo menos dúas persoas, unha delas adolescente, nun bombardeo contra un edificio residencial, segundo recolle a televisión estatal Press TV. Descoñécese o obxectivo israelí nesta localidade que acolle numerosos seminarios relixiosos.

Os ataques contra instalacións nucleares en Isfahan "non provocaron a fuga de materiais perigosos", segundo as autoridades locais. Esta cidade acolle o Centro de Tecnoloxía Nuclear de Irán e unha instalación de conversión de uranio.

Ademais, morreron cinco membros da Garda Revolucionaria nun ataque israelí na cidade de Jorramabad.

"Informamos ao honorable pobo de Lorestán que cinco dos nosos queridos mozos foron martirizados nos ataques matutinos do brutal e sanguinario réxime sionista contra obxectivos en Jorramabad", informa o corpo militar de elite nun comunicado.

A poderosa Garda Revolucionaria iraniana sufriu importantes baixas na ofensiva militar que lanzou Israel na madrugada do venres contra Irán e que continúa en marcha.

Entre os mortos atópanse o que era o seu principal comandante, o xeneral Hossein Salamí, e o responsable do seu brazo Aeroespacial, o xeneral Amir Ali Hajizadeh.

Un mísil interceptado no ceo da localidade israelí de Ashkelon. REUTERS/Amir Cohen Un mísil interceptado no ceo da localidade israelí de Ashkelon. REUTERS/Amir Cohen

Décimo oitava vaga  

Pola súa banda, a Garda Revolucionaria informou do lanzamento da súa 18ª vaga de ataques con mísiles e drons suicidas contra varios obxectivos israelís, incluído o aeroporto Ben Gurion.

Irán lanzou cinco mísiles a madrugada do sábado contra territorio israelí que fixeron soar as sirenas no centro do país, incluído Tel Aviv, informou un comunicado do Exército, sen causar vítimas mortais ou feridos.

"Hai pouco, as Forzas de Defensa de Israel (FDI) identificaron mísiles lanzados desde Irán cara ao territorio do Estado de Israel. Os sistemas defensivos están operativos para interceptar a ameaza", informou o Exército nunha mensaxe ás 2:34 horas da madrugada, á vez que en Tel Aviv comezaban a oírse explosións causadas pola interceptación dos mísiles.

Ata o momento, 24 persoas morreron en Israel desde o comezo das hostilidades o 13 de xuño e 430 en Irán, segundo o último reconto do Ministerio de Saúde. O Goberno de Teherán contabiliza tamén 3.500 persoas feridas na ofensiva militar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade