Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Toda Ucraína é nosa": Putin pide diálogo entre Israel e Irán mentres reclama territorio para el

"Toda Ucraína é nosa": Putin pide diálogo entre Israel e Irán mentres reclama territorio para el

O presidente ruso advirte do risco dunha terceira guerra mundial polo conflito en Oriente Próximo

Putin no Foro Económico Internacional de San Petersburgo. Sputnik/Gavriil Grigorov/Pool via REUTERS Putin no Foro Económico Internacional de San Petersburgo. Sputnik/Gavriil Grigorov/Pool via REUTERS
G24.gal 20/06/2025 20:17 Última actualización 20/06/2025 20:28

O presidente ruso, Vladímir Putin, advertiu este venres sobre o risco crecente dunha terceira guerra mundial e expresou a súa preocupación pola situación en Ucraína e no Oriente Medio.

“Preocúpame. Dígoo sen ironía nin bromas. Existe un gran potencial de conflito que está crecendo”, afirmou durante o Foro Económico Internacional de San Petersburgo, retransmitido en directo pola televisión rusa.

Putin tamén se referiu ao programa nuclear de Irán, que cualificou como unha fonte de inquietude.

“Preocúpanos moito o que pasa arredor das instalacións nucleares de Irán. Inquédanos a onde pode levar todo isto”, dixo, ao tempo que pediu solucións pacíficas que garantan o dereito de Irán a un programa nuclear civil e que atendan ás necesidades de seguridade de Israel.

 “Toda Ucraína é nosa”

Nun ton abertamente imperialista, Putin afirmou que considera que os pobos ruso e ucraíno “son o mesmo pobo”, polo que, segundo el, “toda Ucraína é nosa”.

Afirmacións que acompañou dunha lembranza histórica: “En Rusia hai unha regra antiga: alí onde pisa a bota dun soldado ruso, é noso”.

Ademais, non descartou avanzar sobre a rexión ucraína de Sumi, ao norte do país, onde o exército ruso xa creou unha franxa de seguridade de entre 10 e 12 quilómetros. “O seguinte é Sumi... Non temos ese obxectivo, pero en principio non o descarto”, declarou.

Aínda así, asegurou que Rusia “non busca a rendición de Ucraína” senón “o recoñecemento da realidade creada sobre o terreo”, en referencia ás conquistas militares.

Rusia non intervirá na guerra entre Irán e Israel

En canto ao conflito entre Irán e Israel, Putin descartou calquera implicación militar rusa a prol da república islámica. “Cumprimos sempre os nosos compromisos e o mesmo ocorre nas relacións con Irán. Apoiamos a súa loita por un átomo pacífico”, sinalou.

Respondeu así ás críticas de quen consideran que Rusia podería “facer máis”, e preguntouse retoricamente: “¿Que máis facer? ¿Comezar operacións militares?”.

Segundo dixo, Moscova xa está envolvida “nas súas propias operacións militares” contra quen considera ameazas para os intereses rusos.

Putin tamén negou que Rusia pretenda mediar entre Irán e Israel, aínda que afirmou que presentaron ideas que poderían ser útiles se resultan atractivas para ambas partes.

“Non buscamos ningunha mediación. Se as nosas propostas agradan, alegrámonos. Estamos en contacto diario cos nosos amigos iranianos”, explicou.

Putin espera que Israel non atente contra Jameneí

O líder ruso referiuse tamén ás recentes declaracións de responsables israelís que ameazaron con asasinar o líder espiritual iraniano, Alí Jameneí.

Putin confiou en que esas ameazas sexan só retórica.

“Quixera que ese tipo de cousas quedasen en mera retórica”, dixo en referencia ás palabras do ministro de Defensa israelí, que cualificou Jameneí como “o Hitler moderno”.

Putin lembrou que o líder supremo iraniano lle enviou en xaneiro unha mensaxe por escrito coincidindo coa sinatura dun acordo de asociación estratéxica entre os dous países.

Finalmente, tamén puxo en dúbida a posibilidade dunha rendición iraniana, lembrando que os bombardeos israelís non lograron destruír as instalacións subterráneas de enriquecemento de uranio en Irán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade