Publicador de contidos

Publicador de contidos

Donald Trump di que España "sempre pagou moi pouco" á OTAN

Donald Trump di que España "sempre pagou moi pouco" á OTAN

Insiste en que os aliados deberían destinar máis fondos á defensa

O Goberno espera que outros países apoien non aumentar o gasto en defensa ata o 5 %

G24.gal 20/06/2025 21:58 Última actualización 20/06/2025 22:30

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, afirmou este venres que España "sempre pagou moi pouco" como membro da OTAN.

Á súa chegada a Nova Jersey, volveu propoñer que todos os países da Alianza, agás os EUA, destinen o 5 % do seu produto interior bruto (PIB) a defensa.

"España debería pagar o mesmo ca o resto. Sempre pagou moi pouco", dixo.

Trump advertiu de que "a OTAN terá que lidar con España", e sinalou que o país "ou foi bo negociador ou non fixo o correcto".

Tamén incluíu Canadá nas súas críticas: "¿Saben quen tamén pagou pouco? Un lugar chamado Canadá, que dixo por que deberíamos pagar se os Estados Unidos nos pode protexer gratis"

O mandatario viaxará o luns á cimeira da OTAN que se celebrará na Haia do 24 ao 26 de xuño. A delegación estadounidense levará como prioridade a proposta de elevar o gasto militar ao 5 % do PIB, ao considerar que o actual límite do 2 % é "ridículo".

"Creo que deberían facelo. Nós non, pero eles si. Levan moito tempo sendo apoiados polos EUA. En moitos casos, pagamos case o 100 % do custo", asegurou o presidente republicano.

Rexeitamento español e defensa das súas achegas

A Casa Branca xa anunciara o xoves que todos os membros da OTAN, incluída España, deberían asumir o novo obxectivo. Esa declaración chegou tras o rexeitamento do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, a comprometerse cun novo aumento do gasto, que comunicou ao secretario xeral da Alianza, Mark Rutte.

España destaca, en cambio, a súa achega estratéxica á OTAN. O Ministerio de Asuntos Exteriores lembra que o país alberga instalacións clave como o Cuartel Xeral Terrestre de Alta Dispoñibilidade en Bétera (Valencia), o Marítimo en Rota (Cádiz) e capacidade de xerar un aéreo similar. Tamén se sitúan en España o Centro de Excelencia contra Artefactos Explosivos Improvisados (C-IED), en Hoyo de Manzanares, e o Programa de Liderado Táctico (TLP) en Albacete.

Ademais, a Base Naval de Rota acolle destructores AEGIS estadounidenses que forman parte do sistema de defensa contra mísiles balísticos da OTAN, clave en situacións como a guerra en Ucraína, a crise entre Israel e Irán ou os episodios de inestabilidade no norte de África.

Os xefes de Estado e de Goberno dos países aliados reuniranse na Haia nun contexto de crecente tensión no Oriente Medio e de escalada no conflito entre Irán e Israel. O intercambio de ataques entre ambos provocou decenas de mortes e danos en instalacións militares e civís.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade