Publicador de contidos

Publicador de contidos

Milleiros de evacuados polos ataques cruzados de Israel e Irán

Milleiros de evacuados polos ataques cruzados de Israel e Irán

Medios estadounidenses aseguran que Trump xa aprobou os plans para atacar Irán; estaría aprazando a orde defintiva para darlle a Teherán unha última oportunidade de anunciar o abandono do seu programa nuclear

Un mísil iraniano impacta contra un hospital no sur de Israel

Imaxe dun centro universitario bombardeado polo exército iraniano (REUTERS/Violeta Santos Moura)
G24.gal 19/06/2025 16:52

Milleiros de iranianos fuxiron de Teherán ante os bombardeos de Israel que xa causaron polo menos 232 mortos no país persa nos últimos seis días e polas ameazas dos Estados Unidos de unirse ao conflito, mentres o país continúa cun apagamento de Internet.

De feito, as olladas tamén están postas na Casa Branca. Varios medios estadounidenses aseguran que Donald Trump xa aprobou os plans para atacar Irán. O presidente estaría aprazando a orde defintiva para darlle a Teherán unha última oportunidade de anunciar o abandono do seu programa nuclear. 

Na tarde deste xoves, a secretaria de prensa da Casa Branca, Karoline Leavitt, aseguraba que Trump, tomará unha decisión sobre se "ir ou non" a Irán "nas próximas dúas semanas".

"Baseándome no feito de que existe unha posibilidade de que leven a cabo negociacións con Irán no futuro próximo, tomarei a miña decisión sobre se ir ou non nas próximas dúas semanas", expresou Leavitt, citando directamente a Trump.

Leavitt incidiu en que "ninguén debería sorprenderse" respecto á formulación de Trump de que Irán "non debería ter unha arma nuclear", unha posición que defendeu "non só como presidente senón tamén como un cidadán".

Caos en Irán

As estradas que conducen ao norte de Teherán atópanse conxestionadas de tráfico, como ocorre durante a celebración do aninovo persa en marzo, pero, nesta ocasión, non foxen da calor ou da contaminación desta cidade de 10 millóns de habitantes, senón dos proxectís israelís.

Un deles é Meisam, enxeñeiro civil de 39 anos, que saíu da “aterrada” Teherán coa súa familia ao porto de Anzali, no norte do país.

“Vivo ou vivía en Teherán, e aínda que uno sempre sabe que hai tensións e ameazas, xamais imaxinei ver as miñas rúas bombardeadas”, conta a EFE. “Cando comezaron os ataques israelís sobre Teherán e outras cidades, sentín que algo rompeu”, di.

E pésalle a incerteza da situación, o non saber que vai ocorrer: “Agora mesmo todo pode pasar: un cambio de réxime, unha guerra prolongada ou un cesamento do fogo”.

Cre que Israel non busca só unha represalia militar ou frear o programa nuclear de Irán, senón “desestabilizar o sistema (República Islámica) para que caia por presión interna”.

Outra das veciñas de Teherán que marcha é Naghmeh, profesora de física de 32 anos, “polos constantes ataques de Israel” que foxe cos seus pais e a súa irmá á cidade de Tafresh na provincia de Arak.

“Creo que os ataques durarán varias semanas e regresaremos entón”, explica a EFE.

Non quere unha guerra, pero considera que a “República Islámica xogou con lume ao insistir no seu programa nuclear”. E quéixase da reacción das autoridades:

“En Israel polo menos emiten alertas de ataques, pero aquí as autoridades iranianas non”, afirma. “Só espero que ao final de está pesadelo podamos sorrir”, di.

Irán cumpre 24 horas desde que comezou o apagamento total de Internet imposto polas autoridades, que é xa o máis longo desde que se produciron as protestas de novembro de 2019.

Máis de 5.000 evacuados das súas casas en Israel polos ataques de Irán

Máis de 5.000 persoas foron evacuadas das súas casas polos ataques con mísiles de Irán en territorio israelí, onde se produciron 40 impactos de máis de 400 deses proxectís.

Segundo os últimos datos ofrecidos pola Oficina do Primeiro Ministro israelí, as autoridades recibiron 22.932 reclamacións por danos recibidas polos danos causados polos mísiles, entre as que figuran 1.890 de danos a edificios e 1.827 de danos a vehículos.

O Exército israelí calcula que destruíu desde o pasado venres uns 200 lanzadores de mísiles iranianos, dous terzos do total dos que dispón Irán, e augura "que aínda ten máis de 100, o que podería danar moi gravemente a Israel e as súas cidades", segundo apuntou hoxe un oficial militar israelí nun encontro virtual con xornalistas.

A fonte estimou que ata o momento, en resposta aos ataques israelís en territorio iraniano, este país disparou 450 mísiles a Israel, así como 1.000 drons, neste último caso desde territorio de Irán, pero tamén desde Iraq e "outros sitios".

Ata a data, a guerra entre Irán e Israel deixou 224 mortos ao lado iraniano (segundo un balance do domingo do Ministerio de Sanidade iraniana) e 24 ao lado israelí. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade