A Reserva Federal ignora de novo a Trump e mantén os tipos de xuro por cuarta vez consecutiva
Decidu mantelos no rango obxectivo do 4,25% ao 4,50%
O presidente da Reserva, Jerome Powell, sinalou que hai unha incerteza "inusualmente elevada" e apuntou que as expectativas de inflación a curto prazo subiron, cos aranceis como factor impulsor
Trump denuncia"motivos políticos" e pídelle que rebaixe os tipos un 2%

O Comité Federal de Mercado Aberto da Reserva Federal de Estados Unidos (Fed) decidiu este mércores manter os tipos de xuro no rango obxectivo do 4,25% ao 4,50%.
Esta pausa sucédese ás xa decretadas o pasado xaneiro, marzo e maio, así como ás tres baixadas consecutivas iniciadas en setembro, cando se recortou o prezo do diñeiro por primeira vez desde marzo de 2020.
"Aínda que as oscilacións das exportacións netas afectaron aos datos, os indicadores recentes suxiren que a actividade económica seguiu crecendo a un ritmo sólido. A taxa de desemprego permanece baixa e as condicións do mercado laboral seguen sendo sólidas. A inflación segue sendo algo elevada", resumiu a Fed.
PIB, paro e inflación
A economía da primeira potencia mundial experimentou un decrecemento anualizado do 0,2% no PIB do primeiro trimestre de 2025 fronte ao avance do 2,4% dos tres meses previos. En canto ao mercado laboral estadounidense, creáronse 139.000 empregos non agrícolas durante maio e o paro mantívose no 4,2%.
O índice de prezos de gasto de consumo persoal, a estatística preferida pola Fed para monitorizar a inflación, situouse en abril no 2,1%, dúas décimas menos. Despois, a variable subxacente pechou no 2,5% interanual, unha décima menos.
O presidente da Reserva Federal (Fed), Jerome Powell, sinalou que hai unha incerteza "inusualmente elevada" e apuntou que as expectativas de inflación a curto prazo subiron, cos aranceis como factor impulsor.
Powell apuntou na súa conferencia de prensa que "os efectos sobre a inflación poderían ser de curta duración, reflectindo un cambio puntual no nivel de prezos", pero tamén viu posible que "sexan máis persistentes".
"Evitar este resultado dependerá da magnitude dos efectos arancelarios e do tempo que tarden en trasladarse completamente aos prezos", afirmou.
O presidente da Fed admitiu que xa se empezaron a notar algúns efectos e avanzou que se prevén máis "nos próximos meses".
"Tamén vemos aumentos de prezos nalgunhas categorías relevantes, como ordenadores persoais e equipos audiovisuais, que son atribuíbles aos incrementos arancelarios", engadiu.
Powell, con todo, mantivo a súa postura de que non hai que ter présa á hora de baixar os tipos, a pesar da presión constante que recibiu por parte do mandatario, Donald Trump.
Críticas de Trump
O presidente estadounidense, Donald Trump, redobrou este mércores os seus ataques ao presidente da Reserva Federal (Fed), Jerome Powell, ao que acusou de ter motivos "políticos" e reiterou a súa petición de rebaixar os tipos de xuro nun 2 %, horas antes de que o organismo anunciase a súa decisión de mantelos.

"Francamente, temos a un imbécil na Reserva Federal, que probablemente non recortará (os tipos). Europa tivo dez recortes, e nós ningún. E supoño que ten motivos políticos. Está a custarlle caro ao país", dixo Trump nun intercambio coa prensa nos xardíns da Casa Branca