Yolanda Díaz, optimista sobre as negociacións con Podemos: "Haberá acordo"
Queda unha semana para que Sumar e Podemos acorden como concorrerán ás eleccións
Hai dúbidas sobre a presenza de Irene Montero e Pablo Echenique nas listas en caso de listas conxuntas
Podemos sofre unha onda de dimisións de líderes rexionais tras a desfeita electoral
Alberto Garzón dá un paso atrás. Non deixa a política, pero si lle pon punto e final á súa traxectoria parlamentaria que comezou hai doce anos. Garzón é un dos principais aliados de Yolanda Díaz e a renuncia deixa un oco libre en postos de saída na candidatura que a vicepresidenta está negociando con Podemos e outra quincena de partidos.
O tictac desa negociación avanza paseniñamente. Queda exactamente unha semana para que definan como se van presentar ás eleccións. Publicamente tanto Podemos coma Sumar insisten en que a idea é ir xuntos pero a negociación é complexa. Esta mañá a ministra de Traballo e líder de Sumar sostivo que "haberá acordo porque o noso país estanos agardando".
Unha mensaxe de optimismo en medio de moitas presións cruzadas das distintas formacións. Tras as municipais e autonómicas, a posición de Podemos debilitouse aínda máis.
Os morados perderon cinco gobernos rexionais. Valencia, Aragón, A Rioxa, Canarias e Baleares. O único que poderían reter é Navarra. E o abandono de lideres sucédese. En Castela e León cesaron dez cargos. En Canarias o número dous. "Hai que ser xenerosos na vitoria e valentes na derrota", escribía Cesar Merino nun chío.
Nas Baleares, a candidata á presidencia, que nin tan só salvou o seu escano, dimitiu xunto con toda a executiva. Perderon a metade dos votos. As peticións de dimisión de Belarra, Vestringe ou Echenique sucédense pero de momento a cúpula garda silencio.
Agora mesmo, din que a prioridade é acadar un pacto con Sumar e pechar as candidaturas. Listas nas que non está clara a presenza de Irene Montero ou de Pablo Echenique.