Publicador de contidos

Publicador de contidos

Díaz di que Podemos estivo na negociación do acordo co PSOE "dende o minuto un"

Díaz di que Podemos estivo na negociación do acordo co PSOE "dende o minuto un"

Marta Lois, na RG: "O acordo programático foi trasladado a todas as forzas políticas de Sumar"

Para os comúns, sería "inconcibible" que Podemos rompese a unidade do partido

Os socialistas admiten que terán que negociar as medidas recollidas no pacto de goberno co resto de partidos e axentes sociais

G24.gal 25/10/2023 15:00

As medidas incluídas no acordo do PSOE e Sumar provocaron reaccións. Por un lado, dos axentes sociais. Mentres os sindicatos apoian a redución da xornada laboral, a patronal rexéitaa de plano.

Pero tamén se manifestaron os potenciais socios. PNV e ERC critican que se invadan competencias autonómicas. E ante isto, o PSOE admite que vai ter que negociar ese programaPilar Alegría, voceira dos socialistas, asegura que son "conscientes de que para aprobar medidas como as que presentamos onte necesitamos a participación e o concurso de forzas políticas e tamén dos axentes sociais".

A sinatura do acordo reavivou ademais as tensións internas en Sumar. Podemos sementa dúbidas sobre o voto dos seus cinco deputados porque, din, foron excluídos da negociación, extremo que nega a dirección de Sumar. Segundo Yolanda Díaz, "dende o minuto un non só forman parte das decisións senón que coñecen o alcance do mesmo".

A exalcaldesa de Barcelona, Ada Colau, meteu máis leña ao lume ao afirmar que Sumar pode retirarlle a subvención económica a Podemos se non cumpre coa disciplina de partido. Contestoulle Pablo Iglesias nun artigo tachándoa de autoritaria e de actuar como Napoleón.

Pero os comúns insisten, non se trata dunha ameaza, senón dunha obviedade. Para Gerardo Pisarello, deputado de Sumar-En Comú Podem no Congreso, "sería inconcibible que lle falláramos á cidadanía rompendo unhas alianzas que foron as que nos permitiron chegar ata aquí".

Dende o PP afean a división. Para Alberto Núñez Feijóo, "sen Podemos non hai Goberno de España" e insta os socios da coalición a "que se poñan de acordo, se non para o contido do pacto que descoñecían, polo menos para os ministerios que piden". En caso contrario, cre, haberá unha crise "agora" ou "durante a lexislatura".

Engade o presidente do PP que o acordo de coalición non é máis que un relatorio de compromisos incumpridos na anterior lexislatura.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade