Entidades económicas catalás ultiman unha carta a Pedro Sánchez en contra da OPA do BBVA
As patronais Foment do Treball, Pimec e Cecot, Fira de Barcelona e Barcelona Global son algunhas das institucións que asinan a misiva para o presidente do Goberno
O presidente do BBVA, Carlos Torres, e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez/ Foto de arquivo/Europa Press
Entidades económicas catalás prevén enviar unha carta ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na que esgrimirán razóns de interese xeral para que non saia adiante unha fusión entre o BBVA e o Banco Sabadell.
As trece cámaras de comercio de Cataluña, as patronais Foment do Treball, Pimec e Cecot, Fira de Barcelona e Barcelona Global, entre outras organizacións, prevén asinar a misiva.
No documento, os axentes económicos argumentarán que a eventual absorción do banco catalán pode poñer en risco o equilibrio territorial e a cohesión social.
As entidades poñerán ademais en marcha unha campaña de comunicación para chamar a cidadanía e as empresas a participar na consulta pública ao redor da OPA do BBVA sobre o Sabadell que puxo en marcha o Executivo ata o próximo 16 de maio.
A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) deu luz verde a semana pasada á operación, suxeita a certos compromisos que debe asumir a parte compradora.
A OPA está agora sobre a mesa do Ministerio de Economía, que debe decidir, antes do 27 de maio, se a eleva ao Consello de Ministros, que nese caso tería a prerrogativa de endurecer os requisitos que impuxo o regulador.
Mentres que a CNMC valorou os posibles efectos da OPA respecto ás súas consecuencias na competencia, o Goberno ten potestade para analizala desde o punto de vista do interese xeral.