Xunta, sindicatos e empresarios, unidos para atraer os fondos europeos
Unha trintena de proxectos, candidatos galegos ás axudas Next Generation
Conde salienta a importancia do diálogo social para transformar o tecido produtivo
Os conselleiros de Economía, Facenda e Emprego reuníronse cos secretarios xerais de UXT e Comisións Obreiras de Galicia e co presidente da Confederación de Empresarios.
Avanzaron na presentación dos proxectos que a Xunta lle vai remitir ao Goberno central como candidatos a recibir parte deses 140.000 millóns de euros dos fondos Next Generation despregados pola Comisión Europea para superar a crise da COVID-19.
Francisco Conde, vicepresidente primeiro, explicou: "Avaliamos a importancia de fortalecer esta candidatura e de seguir traballando dentro do diálogo social, tanto para coñecer todos os detalles dos proxectos como para identificar como podemos fortalecer esa candidatura".
Galicia leva case dous anos puíndo os detalles dunha trintena de proxectos que aspiran a este financiamento en áreas como a economía circular, a biotecnoloxía, as enerxías verdes, o sector agroalimentario ou as novas formas de mobilidade.
Os axentes sociais e o Goberno galego volveranse reunir de aquí a un mes para avaliar xa polo miúdo cada un destes proxectos.