Xunta e promotores agardan que antes do verán Europa desatasque o 'parón' eólico
O sector calcula que están en risco entre 15.000 e 17.000 postos de traballo
A Xunta sostén que as catro sentenzas do Supremo avalan que todos os trámites se axustan á legalidade
Os promotores eólicos conteñen o alento. Agardan que antes do verán a xustiza europea despexe definitivamente o camiño dos 64 proxectos paralizados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Este mércores compartiron coa Xunta o alcance das catro sentenzas do Supremo. Decisións que, segundo a Consellería de Medio Ambiente, ratifican que os trámites cumpren con todas as garantías.
A Xunta sostén que o desbloqueo eólico implica beneficios medioambientais pero tamén económicos porque axudaría a "reducir a factura eléctrica nos fogares, pero tamén ás industrias", segundo a Conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana. Incidencia no custo da enerxía, pero tamén no emprego.
A Xunta calcula que hai entre 15.000 e 17.000 postos de traballo en xogo. Os promotores advirten do dano causado. Denuncian que, por mor da inseguridade xurídica, Galicia caeu desde o primeiro ata o cuarto posto en implantación da enerxía eólica.