Xunta e Concello da Coruña dan luz verde ao Novo Santa Lucía
Construirase un novo centro de saúde, unha superficie comercial e un centro cívico para A Falperra
O novo centro de saúde de Santa Lucía integrarase na reforma do actual edificio do mercado para prestar asistencia sanitaria a case 12.000 persoas da zona. Triplicará o espazo do actual ambulatorio de Federico Tapia e permitirá multiplicar as consultas médicas e de pediatría creando unha nova unidade para a muller.
"Daremos cumprimento a unha demanda histórica, construíndo un novo centro de saúde e aproveitando ao máximo un edificio que terá usos múltiples tamén moi necesarios para o barrio, como é o centro cívico", explica Inés Rey, alcaldesa da Coruña.
Concello e Xunta asinaron o convenio de colaboración para o desenvolvemento dunhas obras longamente demandadas na cidade. O presidente da Xunta destacou o traballo conxunto de ambas administracións para avanzar en equipamentos públicos para A Coruña.
"Se queremos unha sanidade de calidade hai que facelo no grande hospital co maior investimento en sanidade pública que fixo a Xunta de Galicia na súa historia e que se está facendo aquí no CHUAC. Pero tamén os centros de saúde, o primeiro lugar onde se imparte a sanidade pública, hai que coidalos especialmente", di Alfonso Rueda.
O investimento previsto no Novo Santa Lucía supera os 10 millóns de euros. A previsión é que poida estar en funcionamento en 2027.