Solicitan nove anos de cadea para un home acusado de intentar agredir sexualmente dúas mulleres na Coruña
Solicitan nove anos de cadea para un home acusado de intentar agredir sexualmente dúas mulleres na Coruña
Na vista oral, o procesado negou todos os feitos
Un veciño da Coruña intentou violar dúas mulleres a mesma noite e este luns sentou no banco dos acusados. Negou todos os feitos polos que é investigado.
Os feitos aconteceron, presuntamente, hai un ano, na Rolda de Outeiro á altura da confluencia coa Avenida de Alfonso Molina. Alí, segundo declarou unha das vítimas, tirouna ao chan para obrigala a manter relacións sexuais. Non o logrou grazas á intervención doutra persoa.
Só quince minutos despois intentou facer o mesmo con outra muller. De novo, varias persoas que pasaban nese momento por alí, impedíronllo. Unha desas testemuñas declarou que a suposta vítima dixo que o home estaba intentando violala e matala.
A Policía Nacional prendeuno minutos despois e desde aquela está na cadea. A Fiscalía pide para el unha pena de nove anos de prisión por dous delitos intentados de agresión sexual e unha multa de 600 euros polos dous delitos de lesións. Está previsto que o xuízo continúe o mércores e que xa quede visto para sentenza.