Solicitan cinco anos de prisión por presuntamente secuestrar unha menor en Vilalba
Hoxe xulgouse o terceiro acusado do intento de secuestro dunha nena de 14 anos, presuntamente para casala cun home da súa familia, os outros dous acusados xa foran xulgados anteriormente e foron absoltos
Na vista a vítima non identificou ao presunto secuestrador, o xuízo quedou visto para sentenza
Novo intento de condenar a algún responsable do presunto intento de secuestro dunha nena de 14 anos en Vilalba para casala, supostamente, cun home. Con anterioridade xa xulgaran dúas persoas que saíran absoltas. Esta terceira non se presentara a aquel xuízo. Hoxe sentou no banco dos acusados. Durante a instrución o pai da menor dixo que a rapaza recoñecera os acusados a través dunhas fotografías nas redes sociais.
Os investigadores traballaron sobre esa identificación, pero hoxe na vista tanto o pai como a vítima declararon que foi unha equivocación e a vítima non recoñeceu o presunto secuestrador. O mesmo ocorreu en marzo cando foron xulgados os outros dous acusados, ao non quedar demostrada a súa autoría, finalmente foron absoltos. A mesma petición fixo hoxe a defensa do acusado,
"A proba constitúese no acto de xuízo oral, por moito que houberan identificado en fase de instrución a esas persoas como autoras do delito se non os recoñecen no acto de xuízo ten que ditarse necesariamente unha sentenza absolutoria, se non fallaría o principio de presunción de inocencia", explica María Lamas, avogada da Defensa.
Os feitos que se xulgaban hoxe ocorreron no 2023. A vítima camiñaba co seu irmán, tamén menor, polo campo da feira de Vilalba. Cando o seu carón parou unha furgoneta e baixaron tres persoas, mentres unha abría a porta traseira do vehículo outras empurrábana ao seu interior. A moza conseguiu escapar cando o vehículo se detivo nun stop. Presuntamente querían secuestrala para casala á forza con outro adolescente da familia dos implicados.
A pesar do xiro na declaración da vítima, a Fiscalía mantén a petición de cinco anos de prisión para o acusado, que se negou a declarar, por un delito de detención ilegal.