Xornada propicia para o Deportivo, o único dos seis primeiros que gañou
Xornada propicia para o Deportivo, o único dos seis primeiros que gañou
O Celta B achégase aos postos de promoción de ascenso e o Pontevedra complica a súa situación na estrea de Toni Otero
Á espera de que os dous dianteiros poidan cruzar os seus camiños, Lucas Pérez segue marcando goles no Deportivo. O desta xornada ante o Raio Majadahonda, que deu a vitoria aos coruñeses, máis sufrida por certo do desexado, foi o cuarto tanto en tres partidos do dianteiro de Monelos.
O resto de resultados da xornada beneficiou o equipo coruñés, agora a catro puntos do líder, o Alcorcón. O empate a ceros entre o filial do Real Madrid, terceiro clasificado, e o Racing, quinto, aperta as contas na zona alta. Os ferroláns perdoaron na segunda metade e acabaron sumando un punto.
A goleada do Celta B ao Linares en Balaídos deixa o equipo a catro puntos da promoción de ascenso. A malleira puido ser máis ampla despois dunha hora de exhibición celeste. Marcaron Iker Losada, Lauti e Javi Rodríguez, un dos homes do encontro, por partida dobre.
Peor sorte tivo o Pontevedra na estrea de Toni Otero no banco. O relevo de adestrador non muda a dinámica do equipo. Os pontevedreses perderon 3-0 na casa do Linense.