Xornada de observación de aves no ecosistema único das charcas da Limia
Coa primavera chega o tempo de cortexo e de crianza, todo un espectáculo da natureza
A asociación Amigas das Cegoñas organiza o encontro na antiga lagoa de Antela
"Mira, o lagoeiro, aí, voando. Ese é o aguilucho lagoeiro. E os mergullóns, os que teñen branco. Esta ave ten un cortexo moi bonito", sinala Nancy Blanco, fundadora de "Amigas das Cegoñas".
Unha aplicación axuda a identificar o rechouchío dos paxaros. Máis dunha vintena en media hora.
"Carboeiro común, anduriña, mergullón, chochín... Esta é a hora boa. Saen os paxariños e hai movemento", comenta Nancy.
É a mellor época do ano para contemplar as aves, atarefadas en preparar os niños. Algunhas xa están criando e outras lócense para a conquista.
"A min encántanme os mergullóns, porque en Venezuela non os temos. E velos con esa plumaxe reprodutivo, buscando parella, paréceme moi intereante".
"Está sendo unha xornada bastante produtiva. Vin o mergullón, que é unha ave que xa tiña gañas de fotografar hai tempo", explican dous participantes.
As cegoñas son o reclamo principal. Na Limia hai un censo duns 250 niños e a metade están nesta zona. Contemplalas no seu quefacer é un pasatempo.
"Hai moitos estudos que demostran que a observación de aves ten beneficios incluso para a saúde mental porque implica concentración, atención e relaxación. E estar na natureza sempre é bo", conclúe Adriana Rodríguez, bióloga afeccionada á observación de aves.
A Casa dos Terróns, en Sandiás, é un balcón de luxo para a observación das aves que habitan as charcas da Limia. Abandonadas polas areeiras, vanse transformando en ricos ecosistemas que emulan a antiga lagoa de Antela.