Xornada de moita chuvia e aviso amarelo por vento no litoral coruñés
Agárdase que a situación no mar empeore mañá, cun aviso laranxa por vento
Tamén hai aviso amarelo por refachos fortes na Mariña e na montaña de Lugo
Un precinto impide a entrada ao santuario da Barca, en Muxía. Hoxe é perigoso achegarse ao mar porque o vento do suroeste sopra forte, cun aviso amarelo que mañá sobe a laranxa.
Parte da frota de Muxía está amarrada, outra marchou pescar a portos menos afectados polo vento e os percebeiros quedarán en terra esta semana.
O vento tamén deixa un aviso amarelo por refachos de máis de 80 quilómetros na Mariña e na Montaña de Lugo. A que perde intensidade é a chuvia despois de que unha fronte moi activa deixara grandes acumulacións de auga.
Así que, non se pode esquecer o paraugas e algo que abrigue, pero non demasiado, xa que as temperaturas son suaves para a época do ano.
Para mañá agárdase unha xornada desapracible con moito vento no mar. Mellor será buscar actividades ao abrigo e poñer ao mal tempo boa cara.