Xornada de calor abafante este sábado en Galicia
Xornada de forte sensación de calor pola tarde con posibilidade dalgunha treboada illada pola tarde no interior

Calor abafante é o que nos agarda para a xornada deste sábado.
Xa este venres foi un día de temperaturas moi altas, moito máis do habitual para esta época do ano. En Ourense todo o mundo buscaba as sombras ou as beiras do río. Na praia, imaxe similar con moita xente buscando os areais para refrescarse.
As altas presións afastaranse de xeito lento de Galicia cara ao norte pero en capas baixas da atmosfera vai permanecer o aire moi cálido. Os ceos van estar, conforme o prognóstico de MeteoGalicia, despexados en xeral, con nebulosidade de evolución pola tarde, que pode deixar algún conato treboento illado en zonas do interior.
As temperaturas manteranse sen cambios ou en lixeiro ascenso con forte sensación térmica de calor pola tarde.
As máximas estarán nos 35 graos en Ourense, 34 graos en Pontevedra ou 33 en Vigo mentres en Lugo as máximas estarán nos 26 graos.