Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xordania e Kuwait interceptan un novo ataque iraniano e Bahrein activa as súas sirenas

Xordania e Kuwait interceptan un novo ataque iraniano e Bahrein activa as súas sirenas

Foi como resposta a ofensiva dos Estados Unidos en represalia por novos ataques iranianos contra buques que intentan pasar polo estreito de Ormuz

A institución castrense kuwaití instou os habitantes a seguiren as instrucións de seguridade emitidas polas autoridades 

Reuters Reuters
G24.gal 13/07/2026 08:53

Kuwait e Xordania anunciaron este luns que interceptaron un novo ataque iraniano con mísiles, mentres que Bahrein activou as súas sirenas e pediu aos seus habitantes permanecer nun lugar seguro por un suposto lanzamento contra o país, no marco dos ataques e represalias entre Irán e Estados Unidos.

En Xordania, fontes militares dixeron que as defensas aéreas dese país derrubaron á primeira hora do día catro mísiles que entraron no espazo aéreo xordano procedentes do territorio iraniano.

As fontes, citadas pola axencia xordana de noticias Petra, afirmaron que os mísiles non provocaron vítimas ou danos materiais e que os equipos do Corpo Real de Enxeñeiros se ocuparon da metralla que caeu en varios lugares e tomaron as medidas necesarias para asegurar a zona e manter a seguridade dos cidadáns e os bens.

Pola súa banda, o exército kuwaití anunciou este luns que os seus sistemas están a facer fronte a obxectivos aéreos hostís no espazo aéreo kuwaití, e indicou que calquera explosión que se escoite é resultado da interceptación de ataques hostís por parte dos sistemas de defensa aérea.

A institución castrense kuwaití instou os habitantes a seguiren as instrucións de seguridade emitidas polas autoridades competentes.

En Bahrein, o Ministerio de Interior afirmou hoxe tamén que se activaron as sirenas tres veces presuntamente para advertir dun ataque contra o pequeno reino do Golfo Pérsico, e instou os cidadáns e residentes a manteren a calma, dirixírense ao lugar seguro máis próximo e seguiren as noticias a través das canles oficiais.

Esas afirmacións prodúcense despois de que o Comando Central do Exército dos Estados Unidos (CENTCOM) informase dunha nova ofensiva das súas forzas o domingo pola tarde contra Irán en represalia por novos ataques iranianos contra buques que intentan pasar polo estreito de Ormuz.

Irán continuou tamén o domingo os seus bombardeos con mísiles e drons contra Kuwait, Bahrein, Qatar, Xordania, Omán e Emiratos Árabes Unidos, todos aliados de Washington que acollen bases ou presenza militar estadounidense, aínda que varios deles denunciaron danos en instalacións civís e de enerxía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade