Irán ataca un segundo buque en Ormuz tras anunciar o peche do estreito
Buques no estreito de Ormuz nunha imaxe de arquivo. REUTERS
Recrúa a situación en Oriente Próximo, a onde regresa o fogo cruzado entre os Estados Unidos e Irán. Teherán confirmou o ataque dun segundo buque que transitaba polo estreito de Ormuz tras anunciar o peche desta estratéxica vía.
Horas antes, os Estados Unidos lanzaban unha nova vaga ofensiva contra o país persa en represalia polo bombardeo iraniano dun navío con bandeira de Chipre que transitaba por este paso que conecta o golfo Pérsico co mar Arábigo.
Nun comunicado recollido pola radiodifusora estatal IRIB, a Garda Revolucionaria denuncia que a embarcación ignorou a orde de transitar exclusivamente pola zona autorizada, igual ca outros buques aos que alertou con disparos de advertencia.
Durante a madrugada, medios iranianos informaron de varias explosións na provincia de Bushehr, onde se atopa unha planta nuclear, e en diversas localidades próximas ao estreito, sen que de momento se teña información sobre danos ou vítimas.
Teherán, pola súa banda, respondeu lanzando mísiles e drons contra países da rexión que acollen bases estadounidenses, como Xordania, Kuwait ou Qatar.
Un proxectil disparado polos EUA. CENTCOM vía REUTERS
Terceira vaga nunha semana
Segundo o Comando Central estadounidense (Centcom), Irán atacou un buque portacontedores con bandeira de Chipre, o que provocou un incendio no barco e danos na sala de máquinas que obrigaron a deter a travesía. Un membro da tripulación está desaparecido.
As forzas estadounidenses consideran que a República Islámica está a "degradar a súa capacidade" co obxectivo de bombardear outras embarcacións no estreito de Ormuz. Deste xeito, xustifican esta terceira vaga ofensiva contra Teherán nunha semana.