O BNG quere un novo status político para avanzar no autogoberno
Ana Pontón acusa a Rueda de "boicotear" o traspaso de competencias e de "abandeirar o centralismo"
A líder nacionalista salienta a necesidade de avanzar cara o recoñecemento real dun Estado plurinacional
O BNG vai pelexar por "un novo status político" para avanzar no autogoberno e "acadar todas as transferencias pendentes no Estatuto de 1981, as aprobadas polo Parlamento galego e as que xa teñen as outras dúas nacións históricas".
A súa portavoz nacional, Ana Pontón, considera que se trata dunha "tarefa de país imprescindible" para non seguir "perdendo oportunidades por culpa do goberno do PP".
"Quero dicilo claro e con todas as letras: Rueda está boicoteando o autogoberno de Galiza, facendo que quedemos por detrás de Euskadi e Cataluña, as outras nacións históricas, e como último exemplo dese boicot está o vergoñento voto en contra da transferencia da AP-9", denunciou este sábado en Santiago.
A líder nacionalista lamenta que nos últimos 17 anos Galicia só lograra unha competencia, fronte as 31 de Euskadi e as 16 de Cataluña, e que Rueda actúe "como abandeirado do centralismo".
Durante a súa intervención nunha xornada de traballo organizada polo BNG e pola Fundación Galiza Sempre, salientou a necesidade de avanzar cara o recoñecemento real dun Estado plurinacional.
"No que existen nacións como Galiza que teñen o dereito e a necesidade de poder decidir sobre si mesmas para avanzar e mellorar a vida da xente. E non nos cansaremos de dicilo, Galiza é unha nación", proclamou.
Para camiñar nesa dirección, Pontón aposta por establecer un novo marco político e institucional que aporte "capacidade real de decidir sobre todos os asuntos en función dos propoios intereses".