Trump dá por rota a tregua con Irán e anuncia novos ataques
Chama "lixo" aos dirixentes iranianos e volve impoñer sancións ao seu petróleo
O cumio da OTAN péchase co compromiso europeo de gastar máis en defensa
Sánchez di que falou "sen tensión" con Trump tras as críticas a España
"Para min rematou, non quero saber nada máis deles, son escoura". Así anunciaba Donald Trump a fin de menos dun mes de tregua con Irán. Díxoo despois dunha nova xornada de escaramuzas entre ambos países.
Este mércores, Teherán alcanzou bases estadounidenses en Bahrein e Kuwait en represalia a un bombardeo previo de Washington sobre o seu territorio que, á súa vez, respondía a ataques iranianos contra barcos en Ormuz. Trump anticipa que esta mesma noite volverán bombardear.
Non só volven as bombas: ademais, os Estados Unidos volve prohibirlle a Irán exportar o seu petróleo. A fin do alto o fogo impactou de cheo nas bolsas: as europesa caeron entre o 1 e o 3%, co IBEX liderando as perdas. O cru dispárase un 5%, ata os 77 dolares o barril de Brent, referencia en Europa.
Á marxe da guerra, o cumio da OTAN deixou o compromiso dos 32 aliados de gastar 50.000 millóns de dólares en novas adquisicións de defensa. O que houbo na sala, dicía o secretario xeral da Alianza, "foi unha sensación de unión como non vín nos últimos anos". Rutte volveu gabar o presidente estadounidense por facerlles aos europeos gastar máis en defensa.
Unidade tamén no apoio a Ucraína. Aprobaron unha inxección de 70.000 millóns de euros en axuda militar e Zelensky obtivo de Trump a licenza de fabricación de sistemas Patriot para defenderse dos mísiles rusos.