Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xoán Carlos I alega motivos "privados" e non estará en Sanxenxo a próxima semana

Xoán Carlos I alega motivos "privados" e non estará en Sanxenxo a próxima semana

O pai de Filipe VI non estará na regata que leva o seu nome nin tampouco no Campionato do Mundo en que o seu barco, o Bribón, aspira a revalidar o título

Fontes da contorna do monarca atribúen o seu cambio de plans a que a súa nova viaxe non era ben vista nin polo Palacio da Zarzuela, nin polo Goberno

G24.gal 07/06/2022 15:05

Xoán Carlos I decidiu aprazar por motivos "estritamente privados" a segunda visita que pretendía a facer a España a partir do 10 de xuño para participar nas regatas na localidade pontevedresa de Sanxenxo, segundo sinalou a Efe o seu amigo Pedro Campos.

Na súa primeira viaxe a España despois de case dous anos en Abu Dhabi, que tivo lugar do 19 ao 23 de maio, o rei Xoán Carlos comunicara á súa contorna que regresaría a Sanxenxo para participar na regata prevista esta fin de semana, que leva o seu nome, e no campionato do mundo que se celebrará do 14 ao 18 de xuño, onde o barco que capitanea, o Bribón, aspira a revalidar o título conseguido nas dúas últimas edicións.

Con todo, o rei Xoán Carlos deu marcha atrás e non viaxará a España, o que xustifica en "motivos estritamente privados", segundo Campos, en cuxa casa se aloxou os catro días que estivo en maio.

Outras fontes da contorna do monarca consultadas por Efe atribúen o seu cambio de plans a que a súa nova viaxe non era ben vista nin polo Palacio da Zarzuela, nin polo Goberno.

"Quería vir para participar de novo no mundial e defender o título, pero non lle deixaron”, remarcan estas fontes, que non descartan que a próxima viaxe de don Xoán Carlos a España teña lugar despois do verán.

O regreso de Xoán Carlos I a España en maio causou malestar no Goberno por como se desenvolveu a visita, que estivo rodeada por unha grande expectación mediática.

O Executivo tamén criticou a súa negativa para dar explicacións e a pedir desculpas pola conduta que tivo nos últimos anos ao manexar diñeiro no estranxeiro ás costas de Facenda.

"Explicacións de que?", foi a resposta que o emérito deu á prensa ao preguntarlle en Sanxenxo se tiña pensado render contas.

Despois de estar catro días aloxado na casa de Campos e navegar nunha das regatas co Bribón, a súa estancia concluíu coa reunión entre Filipe VI e o seu pai no Palacio da Zarzuela, á que seguiu un xantar familiar.

No comunicado que facilitou a Casa do Rei, afirmábase que Xoán Carlos I e o seu fillo mantiveron unha conversación "ampla" sobre "cuestións familiares e distintos acontecementos e as súas consecuencias na sociedade española" desde que decidiu irse a Abu Dhabi, sen dar máis detalles do contido da reunión.

O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, foi quen confirmou que estaría na localidade galega para tomar parte na regata previa desta fin de semana e no mundial: "O seguinte partido empeza o 10 de xuño. Imos estar todos preparados para recibilo como merece”. Campos tamén deu por feito a súa nova viaxe e que volvería quedar no seu chalé.

A Casa do Rei apuntou que non ten intención de facilitar máis información sobre os plans do pai de Filipe VI sobre as súas visitas a España, ao considerar que se trata dunha actividade privada.

O regreso de Xoán Carlos I a España tivo lugar despois de que a Fiscalía do Tribunal Supremo arquivase o 2 de marzo as investigacións abertas contra el ao prescribir os feitos ou suceder antes de 2014, cando estaba protexido pola inviolabilidade como xefe do Estado.

Esas dúas circunstancias, unidas á "insuficiencia de indicios incriminatorios" noutros casos e ás regularizacións fiscais efectuadas polo rei Xoán Carlos, levaron ao peche das dilixencias. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade