Xirona acaba a eliminatoria co Leyma Coruña pola vía rápida
Gañou o terceiro partido na Coruña (76-85) decidido nos últimos dous minutos
Rematou a temporada para o Leyma Coruña coa terceira derrota na serie diante de Xirona. O equipo coruñés tiña que gañar para seguir mantendo a esperanza pero os de Marc Gasol agarráronse ao partido cando o Leyma empurrou con forza e acabou sentenciando nos últimos dous minutos.
O acerto de Soluade (3 triplas) marcou o primeiro cuarto no que os galegos remataron en vantaxe (16-13). No segundo chegaron a ter unha máxima diferenza de 8 puntos (26-18) pero cun parcial de 0-9 o Xirona volveu meterse de cheo. Comezaba a manexar o encontro o arxentino Fjellerup, sensacional toda a serie.
No segundo tempo outra tentativa coruñesa (45-39) atopou a resposta de Gasol para volver a igualar o encontro (48-48) que se mantivo no aire durante moitos minutos. A incerteza era máxima ata que quedaban 2:30 para o final (72-73) pero nese intre volveu aparecer Fjellerup con dúas canastras seguidas para coller unha marxe xa insalvable. O trío formado por Fjellerup, Gasol e Franch foi demasiado para un Leyma no que destacaron Lofberg (17 puntos) e Soluade (15 puntos con 5 triplas).