Publicador de contidos

Publicador de contidos

A colisión de tres trens na India deixa polo menos 288 persoas falecidas

A colisión de tres trens na India deixa polo menos 288 persoas falecidas

Proseguen os labores de rescate polo que o reconto de vítimas podería aumentar nas vindeiras horas

Investigan as causas do accidente con dous convois de pasaxeiros e un de mercadorías implicados

Vista aérea do sinistro
G24.gal 03/06/2023 08:30 Última actualización 03/06/2023 19:50

As autoridades da India aseguran estar "completamente enfocadas" nos labores de rescate no leste do país, onde este venres se rexistrou unha colisión de tres trens que deixou polo menos 288 persoas mortas e 900 feridas.

"Estamos completamente enfocados no rescate, en proporcionar o mellor tratamento posible aos feridos e en informar as familias", dixo aos medios desde o lugar do accidente Ashwini Vaishnaw, o ministro de Ferrocarrís do estado de Odisha.

Tamén anunciou unha investigación "en profundidade" sobre as causas do accidente. O suceso tivo lugar sobre as 19:20 hora local no distrito de Balasore. O balance de vítimas podería aumentar nas próximas horas porque un dos vagóns quedou moi danado.

Segundo o director xeral dos servizos de Bombeiros de Odisha, Sudhanshu Sarangi, no sinistro están implicados dous trens de pasaxeiros e un de mercadorías.

Aínda que as autoridades non aclararon polo momento a secuencia de eventos, o accidente produciuse cando descarrilou un primeiro tren de pasaxeiros que cubría o traxecto entre as cidades de Shalimar (Calcuta) e Chennai (Tamil Nadu).

Un segundo tren que se trasladaba de Yeswanthpur, en Bangalore, ata Howrah, en Calcuta, bateu contra el e logo un terceiro convoi de mercadorías.

As autoridades anunciaron un día de loito no estado e compensacións de máis de 12.000 dólares para as familias das vítimas mortais, uns 2.500 dólares para as persoas feridas graves e 606 dólares para as feridas leves.

A rede ferroviaria india é, con 68.000 quilómetros de percorrido, a cuarta por lonxitude do mundo, detrás da dos Estados Unidos, Rusia e a China. Conta cuns 21.650 trens, 7.349 estacións en todo o país e transporta a diario uns 23 millóns de pasaxeiros.

Un dos peores accidentes en décadas

Esta colisión é un dos peores accidentes ferroviarios das últimas décadas no país asiático. Estes son os principais sinistros ferroviarios con vítimas mortais neste país nas últimas décadas:

-6 de xuño de 1981: Unhas 800 persoas faleceron cando un tren descarrilou mentres cruzaba unha ponte e precipitouse nun río no estado setentrional de Bihar.

-20 de agosto de 1995: Máis de 250 persoas morreron e outras 230 resultaron feridas ao chocar dous trens preto da cidade de Agra, en Uttar Pradesh.

-2 de agosto de 1999: O choque de dous trens no estado nororiental indio de Bengala Occidental deixou 288 mortos.

-9 de setembro de 2002: Máis de 140 persoas morreron ao descarrilar un tren de catorce vagóns no estado de Bihar.

-30 de outubro de 2005: Unhas 130 persoas morreron cando un tren descarrilou por mor das fortes choivas e precipitouse a un río no estado de Andhra Pradesh (sueste da India).

-2010: Un tren de pasaxeiros descarrilou e foi arrasado por un tren de mercadorías, o que deixou 145 mortos.

-10 de xullo de 2011: 69 persoas morreron e 196 resultaron feridas nun accidente de tren no estado de Uttar Pradesh.

-20 de novembro de 2016: Nun dos peores accidentes da última década, 146 persoas morreron ao descarrilar un tren no norte da India. O accidente tivo lugar no distrito de Kanpur, no estado Uttar Pradesh, cando a maioría dos pasaxeiros durmían.

-19 outubro 2018: Polo menos 58 persoas morreron e ao redor de 40 resultaron feridas ao ser atropeladas por un tren no oeste da India, cando centos de devotos que celebraban unha festividade preto dun paso a nivel non se decataron da súa chegada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade