Xa está aquí The Wild, un festival en plena natureza
Celebrarase no parque forestal de San Miguel de Oia a vindeira fin de semana. Comezará xa o venres á tarde
Música, cinema, gastronomía, deporte, artesanía, mesas redondas e mesmo andainas solidarias para todos os públicos
O festival sustentable fomenta o respecto pola natureza e o coidado dos nosos montes
Xa está en marcha unha nova edición do The Wild. Unha cita en que os asistentes poden desfrutar de tódalas vantaxes dun festival, pero nunha contorna privilexiada.
Suman xa catro edicións. Poucos apostaban por que se dera xuntado diversión, respecto e sustentabilidade neste parque forestal suburbano de Vigo. O seu traballo sempre contou co apoio da comunidade de montes de San Miguel de Oia.
Tres días de festival en que, sen perder a esencia, este parque forestal amosará a súa faceta máis lúdica e cultural. Música, cinema, gastronomía, andainas, mesas redondas e artesanía. Unha morea de actividades, para todos os públicos, para reivindicar un monte vivo e completamente verde.