Washington promete traballar duro para converterse nun dos “líderes” do Obradoiro
Vai xogar na liga Endesa, tras o seu exitoso paso por Hungría, Francia e Alemaña
O base estadounidense Eric Washington asegurou este venres que sente “preparado” para afrontar “o reto” de xogar na liga Endesa, na que debutará tras o seu exitoso paso por Hungría, Francia e Alemaña:
“Doulle as grazas a Monbus Obradoiro por darme a oportunidade e crer en min. Será a miña primeira tempada en España, tentarei dar o mellor de min porque é unha gran oportunidade para seguir crecendo como xogador. Creo que é un reto importante”, declarou o novo xogador do conxunto dirixido por Moncho Fernández.
Washington chega a Santiago para suplir a baixa do internacional francés Leo Westermann, avalado polos seus bos números co MLP Academics Heidelberg na Bundesliga, onde o curso pasado promedió 19.2 puntos, 7.3 asistencias, 3.8 rebotes e 1.8 roubos nos 32 partidos que disputou:
“Non me chega a hora de poder competir contra os mellores de Europa e de España. Espero grandes cousas desta tempada. Necesitaremos tempo, pero temos un gran equipo e este é un ano especial”, indicou o xogador.
“Detrás de cada reto hai inicios duros. Busco entender o que quere o adestrador de min. Os dous somos competitivos, os dous queremos gañar e encántanos o xogo. Temos que ser pacientes e confiar o un no outro. El cre en min como xogador e eu creo nel como adestrador”, afirmou.
Non dubidou en cualificar á liga española como “a mellor” do baloncesto europeo, e prometeu traballar duro para converterse nun dos “líderes” do equipo santiagués.