Publicador de contidos

Publicador de contidos

As verbenas e as festas volven a Galicia tras case dous anos de parón

As verbenas e as festas volven a Galicia tras case dous anos de parón

O sector agoira a desaparición das restricións e anima as comisións a traballar xa

G24.gal 05/02/2022 14:30

As romarías, a xoldra, a xente nas cantinas poderían regresar de novo ás vilas galegas despois de case dous anos de interrupción pola covid. Unha das asociacións que representa a fogueteiros, electricistas e cantineiros, entre outros, asegura que nas vindeiras semanas a Xunta dará a coñecer a eliminación do protocolo de seguridade de espectáculos musicais, que lles impedía traballar.

"Ese é o problema máis grande para as celebracións das festas porque é imposible cumprir ese protocolo. O cal nos dixeron que neste mes de febreiro íano quitar por mor da vacinación e da evolución da pandemia", mantén José Veiga, presidente de Serfega (Servizos de Festas de Galicia).

Limitacións como a división de zonas de baile e consumición, os controis de acceso ou a prohibición de pechar carpas quedarían así eliminadas. Polo que o sector anima ás comisións de festas a moverse xa para organizar os eventos.

"Nós con isto o que tentamos é que as comisións de festas o saiban e se poñan a traballar, porque organizar unha festa leva uns tres meses mínimo", apunta José Veiga.

Dende a asociación din sentirse esperanzados pero tamén discriminados con respecto a outros sectores.

"O que pedimos é unha igualdade no ocio das festas como no resto de socios,  cousa que ata agora non tivemos porque no sector das festas non houbo unhas axudas específicas en ningún momento. E consideramos que, xunto co Xacobeo e coa gastronomía, son os tres argumentos de Galicia para o turismo no ámbito nacional", aclara o presidente de Serfega.

Sen esquecer a evolución da pandemia e a seguridade do público, o colectivo das verbenas confía en que por fin Galicia volva ser de festa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade