Publicador de contidos

Publicador de contidos

O condutor do vehículo e os menores feridos no accidente de Xermade seguen na UCI

O condutor do vehículo e os menores feridos no accidente de Xermade seguen na UCI

O accidente deste luns provocou o falecemento dunha muller de 27 anos

Os dous menores e o home de 35 anos que tamén viaxaban no vehículo están hospitalizados

No dispositivo de emerxencias despregado na tarde do luns participaron o helicóptero medicalizado con base en Santiago, varias ambulancias, persoal sanitario do PAC de Vilalba, os bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil

G24.gal 13/05/2025 10:01

O condutor do vehículo accidentado este luns no municipio lucense de Xermade, no que faleceu unha muller de 27 anos, permanece ingresado na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Os dous menores feridos no accidente están estables na UCI pediátrica do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

O sinistro produciuse sobre as 18:50 horas na estrada LU-861, á altura do quilómetro 12, na parroquia de Candamil.

Foi un particular quen contactaba co 112 Galicia para alertar de que un vehículo saíra da vía e se precipitara por un barranco ata unha zona de maleza e de difícil acceso. O golpe foi tan forte que o teito do coche desprendeuse.

Tras recibir o aviso, a central de emerxencias activou un amplo operativo coa participación de Urxencias Sanitarias-061, que desprazou ata o lugar o helicóptero medicalizado con base en Santiago, unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado e dúas ambulancias asistenciais de soporte vital básico, ademais de persoal sanitario do PAC de Vilalba. Tamén acudiron os bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil.

Ao chegar ao punto, os equipos de emerxencias indicaron que todos os ocupantes do vehículo estaban accesibles, pero que era necesaria a intervención dos bombeiros para o rescate, xa que o terreo no que estaban era complicado.

Foron atendidos catro pacientes: unha muller de 27 anos, falecida no punto; un home de 35 anos, trasladado en helicóptero ao CHUAC, e dous menores, evacuados en ambulancia ao HULA.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade