As casas iluminadas polo Nadal convértense nun atractivo turístico
Cada fin de semana centos de persoas desprázanse para visitar as vivendas decoradas
Cada ano a partir de finais de novembro e principios de decembro, ducias de casas galegas decóranse con milleiros de luces led coas que se debuxan elementos decorativos alegóricos ao Nadal.
Unha iluminación e unha decoración que están conseguindo crear un novo tipo de turismo formado por persoas que, nas tardes das fins de semana e nas dos días festivos, aproveitan para ir visitalas e coñecelas.
Un exemplo atopámolo no concello lugués de Outeiro de Rei. Dúas vivendas, unha enfronte da outra, abren as portas para que os visitantes poidan ver máis de preto a decoración do Nadal na que os donos levan traballando máis dun mes.
" Hai anos que empecei con esto. Comecei con pouco e fun aumentando, aumentando... non sei onde pararei" , di Manuel Cobas.
Moito esforzo pero tamén moitos cartos hai detrás destas casas que non deixan indiferente a quen as visita. Na maioría delas case todo está feito artesanalmente.
Por moitas destas vivendas pasan cada mes de decembro centos de visitantes marabillados co traballo que fan os propietarios e das que poderemos gozar ata o 5 de xaneiro.