Volve a chuvia e a sensación de bochorno á provincia de Ourense
Despois dunha semana de altas temperaturas este sábado houbo que sacar o paraugas
Despois dunhas xornadas de sol e moita calor, volve a inestabilidade, a chuvia e comezan a baixar as temperaturas. Na provincia de Ourense prevíanse de novo temperaturas por riba dos 30 graos, pero xa houbo que sacar os paraugas.
A xornada comezou anubrada na cidade das Burgas. Marchou o sol e inesperadamente, xa pola mañá, veu a chuvia. Un cambio radical despois dunha semana de temperaturas moi altas.
Unha chuvia necesaria para paliar a escaseza de auga encorada. Nesta semana as reservas na provincia baixaron un pouco máis ata situarse nun 48 % da súa capacidade, un 30 % menos que un ano hidrolóxico normal.
Agárdase un pouco máis de auga pola tarde, que mesmo pode caer de xeito treboento. Con todo, as temperaturas seguen sendo altas e a sensación é de bochorno.